Ponteareas pecha o acordo cos traballadores municipais para contar coa primeira Relación de Postos de traballo da historia local

O goberno local prevé abrir o Concello algunhas tardes ao mes
Publicado por o día 08/10/2018 na sección de Galicia,Ponteareas

Ponteareas pecha o acordo cos traballadores municipais para contar coa primeira Relación de Postos de traballo da historia local

Ponteareas ven de pechar o acordo cos traballadores municipais para actualizar o convenio colectivo que está sem revisar dende 1999. Este acordo, que conta co máximo apoio sindical, vai máis alá da posición do goberno municipal pois para pechar o acordo foi necesario acadar o máximo consenso entre todos os grupos da Corporación xa que non é unha cuestión puntual do goberno actual, é unha problemática que se arrastra dende hai décadas e ten repercusión para o futuro.

O goberno agarda que este consenso se traslade agora ao Pleno da Corporación, do mesmo xeito que os sindicatos aparcaron as súas diferencias para aprobar un documento básico na organización municipal e ven a por orde na plantilla de empregados públicos do Concello.

O goberno tamén pretende aprobar nos vindeiros días de forma definitiva o orzamento, co apoio de Esquerda Unida, forza que puxo como condición para aprobalos que se chegase a un acordo co conxunto dos traballadores municipais.

Ao igual que outros moitos frentes abertos dende hai décadas, este acordo permitirá por orde na plantilla municipal. A negociación estivo enmarcada nos seguintes límites: non incrementar o gasto salarial e derivar o aforrro xenerado por xubilacións e amortizacións de prazas ao incremento salarial do acordo, de xeito que se mantivesen os investimentos previstos para os proxectos de mellora da calidade de vida da veciñanza e actualizando os salarios na mesma liña que acordos pechados polo Estado cos seus funcionarios.

Entre os puntos de entendemento aos que se chegou cos representantes sindicais está o incremento salarial progresivo a tres anos dos traballadores que, na maioría dos casos, está moi por debaixo da media salarial dos outros concellos de Galicia. Hai traballadoras muncipais con salarios por debaixo dos convenios colectivos do sector privado.

Esta acordo, permite por orde e regular a caótica situación dos traballadores municipais nestes últimas décadas, establece as categorías, remuneracións, titulacións esixidas e competencias así como a posibilidade de dispor de flexibilidade horaria nalgúns departamentos para que o Concello poida abrir algunhas tardes ao mes e así ofrecer á cidadanía un mellor servizo nun horario máis amplo.