Ponteareas reclama á Xunta a realización do proxecto de saneamento para toda a parroquia de Ribadetea

O pleno da Corporación respaldou esta demana veciñal xa incluída nas prioridades do grupo de goberno
Publicado por o día 24/09/2018 na sección de Galicia,Ponteareas

Ponteareas reclama á Xunta a realización do proxecto de saneamento para toda a parroquia de Ribadetea

A Corporación de Ponteareas por unanimidade reclama á Xunta de Galicia que asuma o proxecto de saneamento de toda a parroquia de Ribadetea.

O pleno de Ponteareas acordou respaldar a demanda veciñal para a realización do saneamento da parroquia de Ribadetea cun proxecto global para toda a parroquia.

Os representantes da plataforma veciñal da que forman parte a comunidade de montes, as comunidades de augas e a asociación de caza ademais da propia veciñanza, expuxeron no pleno ordinario celebrado o pasado martes a necesidade urxente de planificar unha obras de saneamento para que chegue a todas as casas rexeitando deste xeito a proposta do goberno anterior que non chegaba nin ao 10% dos fogares.

Esta demanda veciñal concorda coas prioridades urxentes establecidas polo actual goberno que encabeza Xosé Represas. “Prioricei dende o primeiro día a resolución do  grave problema de saneamento logrando que a Confederación Hidrográfica comprometa unha parte da financiación para a ampliación da depuradora da Moscadeira. Neste momento por encargo da Confederación estanse redactando dous proxectos cun coste total de 4,5 millóns de euros, financiados ao 60% con cargo aos fondos europeos comprometidos pola propia Confederación, o concello o 20% e so estamos agardando que Augas de Galicia confirme o seu compromiso de aportar o 20% restante”.

Represas engade que ao sanearse a economía do concello e ao arranxar o problema da depuradora pódese acometer agora o saneamento en Ribadetea, “por iso é o momento de pedir á Xunta de Galicia que se comprometa a facer a redacción deste proxecto e o concello, ao igual que fixemos coa depuradora, asumirá o 20% do custe”. O Alcalde recorda que o saneamento integral de Ribadetea estímase en máis de tres millóns de euros.

Pola súa parte a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, destacou a importancia de redactar un proxecto para toda a parroquia e non só parcial como se facía ata o de agora ao non ter a capacidade axeitada a depuradora existente. “É fundamental a ampliación da actual depuradora para poder dar servizo de saneamento a Ribadetea”.

Para a realización deste proxecto crearase un grupo de traballo. “Penso que sería útil traballar de xeito conxunto e, como dixo o representante da Plataforma,  xa que hai que facer 17 km, comezar pola construción dun colector xeral e a partir de aí realizar o resto nun prazo razoable”.