Pontevedra acollerá o acto central do Día das Letras 2018 adicado a María Victoria Moreno

A Real Academia reuniuse esta mañá co alcalde para perfilar a colaboración entre ambas institucións para celebrar o ano da escritora pontevedresa.
Publicado por o día 29/12/2017 na sección de Cultura,Galicia,Pontevedra

Pontevedra acollerá o acto central do Día das Letras 2018 adicado a María Victoria Moreno

O Teatro Principal de Pontevedra acollerá o vindeiro 17 de maio de 2018 o acto académico central do Día das Letras Galegas adicado á escritora e profesora pontevedresa, María Victoria Moreno. Así o confirmaron esta mañá o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o presidente da Real Academia da Lingua Galega (RAG), Víctor Fernández Freixanes, logo dunha reunión celebrada no consistorio pontevedrés, á que tamén asistiron o secretario da RAG, Xosé Henrique Monteagudo Romero, a tesoureira Marilar Aleixandre e a concelleira de Cultura, Carmen Fouces.

O alcalde confirmou que Pontevedra está “encantada” de acoller este acto, e a cidade participará na organización de eventos ao longo do ano relacionándoos con citas tan importantes na cidade do Lérez como o Salón do Libro Infantil e Xuvenil “no que sempre participaba María Victoria Moreno”. Cabe lembrar que o Salón do Libro 2018 ten como temática “Mulleres de conto” e xa traballa para que sexa a porta de entrada ao gran acto institucional que se vai celebrar o 17 de maio.

Dende o Concello, serán os departamentos de Cultura, Normalización Lingüística e o Pazo da Cultura os encargados de coordinar os distintos eventos municipais para a difusión da figura da escritora e profesora pontevedresa.
Tamén anunciou o alcalde que o Concello está en contacto coa Deputación para poder completar este programa de eventos cunha exposición sobre a vida e obra da escritora no Museo provincial.

Pontevedra, capital da cultura e das letras en 2018

O presidente da Real Academia salientou que a visita a Pontevedra era de cortesía pero obrigada, “e cumpriu coas expectativas que tiñamos, xa que coñecemos a sensibilidade cara María Victoria Moreno”. Destacou, pois logo, que “Pontevedra será a capital da cultura e das letras galegas durante todo o ano”.

O presidente da Academia salientou que é preciso implicar ás administracións que están máis preto dos cidadáns nos actos que se organicen, “porque é unha garantía de éxito”. E asegurou que non se trata de prever unha grande cantidade de actos, “senón organizalos ben”.

Víctor Fernández Freixanes destacou os catro motivos polos que a Academia escolleu á escritora pontevedresa para a homenaxe de 2018, “unha elección reflexionada”, en palabras do seu presidente:

• Pola calidade da súa obra
• Pola súa condición de mestra, xa que deixou unha pegada importantísima en moita xente e é unha forma de reivindicar o traballo dos mestres.
• Porque non naceu en Galicia. “É unha condición fantástica”, aseguraba Víctor Freixanes xa que “demostra que este país ten capacidade de sedución: de xente que, non sendo nosa, son nosos porque deciden selo”.
• Por ser muller. Unha aposta que está a promover a Academia “sen complexos e sen cotas, simplemente porque reflexa a vida do país”

O alcalde Fernández Lores recoñeceu que “o que máis sinto é que María Victoria non estea aquí como mestra, xa que defendía o galego, a cultura, o país sen complexos, como deberíamos facelo a maioría dos galegos”.