Representantes do alumnado do grao en Ciencias da Actividade e Física e do Deporte de 39 universidades españolas forman parte da Anecafyde, a Asamblea Nacional de Estudiantes de Ciencias de la Actividad Física y del Deporte, unha asociación que ten como obxectivos representar ao alumnado desta titulación e servirlle como interlocutor coas diferentes institucións e administracións que no mes de marzo celebrará na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte a súa décimo oitava asemblea. Así se acordou, o pasado mes de novembro, na asemblea celebrada na Universidad de las Palmas de Gran Canaria, na que a estudante desta facultade do campus pontevedrés Lara Piñeiro pechou a súa etapa de dous anos como presidenta da asemblea.
“A idea de traer a Anecafyde á Universidade de Vigo é poder ensinarlle de primeira man a todo o estudantado da nosa facultade o traballo e a loita que todos os e as representantes das universidades levan a cabo para acadar uns estudos de maior calidade e unha regulación profesional”, sinala o presidente da delegación de alumnado de Ciencias da Educación Física e do Deporte e membro da xunta directiva de Anecafyde Marcos García, da proposta de traer o campus unha asemblea que xa se desenvolveu nesta facultade en 2015. O obxectivo, sinala, é tentar “contar con máis representantes que nas anteriores ocasións” e tratar de reunir no campus a delegados das 39 universidades representados nesta asociación.
Comisións de traballo e xornadas formativas
A XVIII Anecafyde desenvolverase en Pontevedra o 27 e ao 31 de marzo e abrirase, como explica García Pascual, cunhas xornadas formativas para todo o alumnado da facultade, na que proxectan reunir a diferentes profesionais do ámbito das Ciencias da Actividade Física e do Deporte, “ademais de realizar diferentes mesas de debate sobre temas relacionados coa situación actual do noso grado”, contribuíndo así, sinala, a xerar nun centro “dun ambiente profesional onde todos os e as estudantes poidan participar, discutir e debater ideas”.
Por outra banda, o programa que se deseñará para esta asemblea contará tamén, nos días sucesivos, con talleres para os máis de 50 delegados e delegadas que a organización prevé participen nesta asemblea, así como comisións de traballo e a posterior celebración da asemblea xeral ordinaria.
Dous anos á fronte da Anecafyde
A elección como Pontevedra como sede da próxima Anecafyde decidiuse por unanimidade na asemblea celebrada en novembro en Canarias e na que se procedeu tamén á renovación da nova directiva da Anecafyde, que desde finais de 2016 encabezaba a estudante de Ciencias da Educación e do Deporte Lara Piñeiro, quen previamente exercera como vicepresidenta e como coordinadora da zona norte da asemblea. “Son infinitas as experiencias que me levo do meu período como representante, tanto a nivel persoal coma profesional”, sinala esta estudante de posgrao, participante nas últimas nove edicións desta asemblea.
Chegado o momento de facer balance, Piñeiro salienta en primeiro lugar en valor o labor desenvolvido ao longo destes anos polo equipo directivo, “que dedicaron desinteresadamente o seu traballo para xuntas loitar polos nosos estudos e defender a súa profesión”. Tamén, lembra o plan estratéxico #SomosAnecafyde, aprobado na súa primeira asemblea como presidenta e que tiña como propósito fixar as liñas de traballo a seguir pola asemblea nos seguintes tres anos. Un período no que, salienta, a Anecafyde traballo xunto co Foro Profesional de Ciencias do Deporte e o Ministerio de Educación no deseño dun “marco competencial” para a titulación, ao que se sumou a aprobación, o pasado 10 de setembro, por parte do Consejo de Universidades, da resolución ministerial que establece recomendacións para a proposta por parte das institucións académicas das memorias de verificación do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. “Pese as nosas discrepancias de fondo co documento, é unha noticia relevante para as ciencias do deporte”, salienta Piñeiro, que explica tamén que a asemblea traballa actualmente na elaboración dun documento relativo ao aumento do número de facultades nas que se imparte esta titulación “que se está producindo de maneira alarmante nos últimos anos” e que leva a que no presente curso este grao se imparta en 48 centros universitarios.
Mirando cara os retos que continúan enriba da mesa, Piñeiro pon de relevo que “aínda queda moito polo que loitar”, en especial, no ámbito da saúde, onde “cada vez máis investigacións que demostran os beneficios do exercicio físico”. Un ámbito de traballo, lembra, “que inclúe de maneira obvia, pero non excluínte, aos diferentes profesionais sanitarios”, e para o que reclaman tamén unha lei que “ordene e regule as profesións” que desde o ámbito do deporte poden desenvolve neste ámbito, para que “se poña fin ao intrusismo laboral”.
Na asemblea celebrada en Canarias, Piñeiro foi relevada na presidencia polo estudante da Universidad Politécnica de Madrid Ángel Torés, e procedeuse tamén á renovación dunha xunta directiva na que a Universidade de Vigo continúa estando representada a través de Matías Zelarayán, como novo director de comunicación, e de Marcos García Pascual, que continúa como tesoureiro da asociación.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.