Pontevedra bate o récord de participación nun Campionato de España de Ciclocrós

Publicado por o día 09/01/2020 na sección de Galicia,Pontevedra

Pontevedra bate o récord de participación nun Campionato de España de Ciclocrós

A cidade de Pontevedra acollerá esta fin de semana por segundo ano consecutivo o Campionato de España de Ciclocrós e o dato de participación non so superará ao do 2019, senón que é a cifra máis alta na historia da gran cita estatal desta modalidade. No circuíto da Illa das Esculturas rodarán preto dun milleiro de corredores.

Este éxito de inscritos reafirma a aposta das institucións para situar a Pontevedra como un referente do ciclocrós mundial. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores confirmou na presentación celebrada este xoves no Concello que a meta é organizar “unha proba da Copa do Mundo” e posteriormente aspirar ao Mundial.

“É un pracer para esta cidade volver ser a sede do Campionato de España e obter esta resposta de participación. Pontevedra está vencellada co deporte sostible”, sinalou o rexedor pontevedrés, que tamén incidiu en que “somos conscientes de que a Illa das Esculturas é un espazo sensible desde o punto de vista medioambiental, pero paga a pena aproveitarse del aínda que despois teñamos que facer un esforzo para poñelo en forma. Sabemos o que estamos facendo”.

José Luis López Cerrón, presidente da Real Federación Española de Ciclismo, indicou que “o ciclocrós é unha especialidade que medrou moito nos últimos anos. Así o confirma o récord de participación que imos ter nesta fin de semana. Ademais, contaremos con corredores profesionais de estrada como os irmáns Izaguirre. O espectáculo está garantido”.

Respecto ás aspiracións de Pontevedra, Cerrón apuntou que “imos intentar que a próxima temporada haxa aquí un evento de categoría C1 internacional” para seguir aumentando o nivel e achegarse ao soño da Copa do Mundo e o Mundial.

No mesmo sentido, Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo, subliñou a folla de ruta que se está a seguir: “Pontevedra comezou sendo unha das sedes da Copa Galicia e en outubro todo apunta a que acollerá unha proba C1 internacional. A liña está marcada, grazas ao apoio das institución, para recibir esa Copa do Mundo e despois ir a polo Mundial no 2024 ou 2025”.

Muñiz quixo lembrar que “Galicia sempre foi unha potencia” nesta modalidade e que o primeiro campionato de España fóra de Euskadi disputouse en 1970 no barrio pontevedrés de Monteporreiro.

Por parte da Deputación de Pontevedra, o deputado provincial de deportes Gorka Gómez dixo que “esta cidade e esta provincia apostan decididamente polo deporte. Desta forma, foméntanse os hábitos saudables e tamén o turismo. Somos expertos en organizar cousas e facelo ben”.

A coordinación existente para realizar este campionato tampouco a quixo pasar por alto Daniel Benavides, xefe provincial de Deportes da Xunta de Galicia. “Xa quixeran noutros lugares ter a colaboración entre institucións que temos aquí”, e o representante da administración autonómica felicitou aos responsables técnicos “polo seu traballo previo neste tipo de eventos, nos que sempre se alcanza un alto grao de satisfacción e de nivel. O escenario deste Campionato é impresionante”.

En relación ao circuíto da Illa das Esculturas, o director deportivo do campionato Alberto del Río informou de que “é máis curto en distancia (3100 metros) respecto ás dúas citas anteriores e auméntase o seu nivel técnico. Presenta outras dúas novidades principais, vaise disputar no sentido contrario para darlle un toque diferente e engadimos unha ponte elevada como é habitual na Copa do Mundo”.

A Universidade de Vigo tamén estivo presente nesta posta de largo do campionato que percorrerá os terreos do Campus de Pontevedra. A competición arrancará o sábado pola mañá coa carreira máster-50/60 (09:00 horas). De seguido entrarán en escena os máster-40 masculinos (10:20) e os máster-30 masculinos (11:45). As cadetes e as masters comparecerán (12:50) antes da paréntese do mediodía. Pola tarde haberá dobre cita coas promesas masculinas, cadetes (15:30) e juniors (16:20), e para rematar terá lugar a carreira non competitiva de Promoción (17:10).

Na mañá do domingo chegarán os tres pratos fortes do campionato. Os encargados de abrir a xornada serán os sub23 masculinos (10:00). A continuación, producirase a pugna polas coroas femininas elite/sub23 e júnior feminina (11:30) e para rematar chegará a traca final cos elites masculinos (13:30). Nesta sesión matinal tamén se celebrará a novidosa Carreira Inclusiva (12:40) para deportistas con capacidades diferentes.

Comentar noticia

Your email address will not be published.