Pontevedra estrea Colectivo Feminista, unha ferramenta para loitar contra as violencias machistas

Cinco asociacións e máis de 30 particulares integran a agrupación fundada hoxe, que traballará co lema “unidas, diversas e combativas”
Publicado por o día 16/10/2016 na sección de Colectivos Feministas,Pontevedra,Social,Vigo

Pontevedra estrea Colectivo Feminista, unha ferramenta para loitar contra as  violencias machistas

Pontevedra xa conta coa súa propia agrupación para loitar contra as violencias machistas: esta mañá quedou formalmente constituído o Colectivo Feminista de Pontevedra, unha plataforma que integra cinco asociacións feministas e máis dunha trintena de mulleres que, a título individual e procedentes de diversos lugares (Pontevedra, Lalín, Cuntis, Caldas de Reis, Marín, Friol, Teo, A Estrada, Sanxenxo, Vilanova, Vilagarcía, Nigrán, etcétera) impulsarán o feminismo como medio para transformar a nosa sociedade e acadar a igualdade real entre mulleres e homes.

O colectivo é realidade tras un ano de traballo na plataforma feminista de Pontevedra,  unha experiencia enriquecedora que deu paso á formación constituída esta mañá, que traballará co lema “unidas, diversas e combativas”. As asociacións e particulares que toman parte nesta iniciativa aportan, dunha banda, a experiencia do feminismo de a pé de rúa e, doutra, unha visión teórica e profesional de nivel; estas dúas características fan que o Colectivo Feminista de Pontevedra sexa unha entidade diversa, plural e heteroxénea na que os espazos de debate entre as súas integrantes e o intercambio de propostas constitúen ideas fundacionais irrenunciables.

Para conseguir as fins que motivan a súa creación, o Colectivo Feminista de Pontevedra conta con forma xurídica propia e cun compromiso: artellar sistemas para conectar o feminismo e a sociedade pontevedresa co obxectivo de combater as violencias machistas. Dende o rigor determinado polos seus estatutos, a entidade apostará por estratexias de traballo en equipo para promover a participación e a motivación.

Antes da súa constitución, o grupo do que nace o colectivo realizou diversas acción para loitar pola igualdade entre mulleres e homes: promoveu actividades os días 25 de novembro e 8 de marzo, efectuou denuncias por casos de violencias machistas que tiveron como escenario a provincia de Pontevedra e informou delas aos medios de comunicación, presentou unha proposta feminista aos partidos políticos con motivo das eleccións ao Parlamento de Galicia, convocou actos de denuncia pola norte de 8 mulleres asasinadas polo machismo criminal (2015) e impulsou unha concentración durante un fin de semana (en Sanxenxo) para debater sobre os obxectivos do feminismo e acadar consensos.

O CFP queda constituído como un espazo de participación aberto e transversal a todos os ámbitos da sociedade. As organizacións ou persoas interesadas en sumarse poderán facelo a través do páxina de Facebook: Colectivo Feminista Pontevedra ou do correo electrónico: [email protected]