Pontevedra formará parte da Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega logo de promover a súa creación

Nada da necesidade de coordinar as accións de promoción do uso da lingua entre os concellos galegos, celebrará a súa asamblea constituínte o venres 15 en Santiago de Compostela
Por o 06/02/2019 | Sección: Galicia,Pontevedra
Pontevedra formará parte da Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega logo de promover a súa creación
Compartir en:

Este venres 8 someterase á votación no Pleno Municipal a adhesión do Concello de Pontevedra á Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega.

Para formar parte desta entidade, que busca entre outros obxectivos establecer nexos e crear ferramentas que permitan coordinar ou desenvolver de maneira conxunta actividades de promoción do uso da lingua, será precisa a aceptación da proposta de estatutos da mesma, así como a designación ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e ao concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña Piai, como representantes políticos da Corporación na asemblea da Asociación e á técnica de normalización lingüística, Concepción Cochón Rodríguez, como representante técnica.

A asamblea constituínte celebrarase o venres 15 de febreiro ás 13:00 en Santiago de Compostela e á mesma asistirán representantes dos concellos de Vilagarcía de Arousa, O Grove, Moaña, Rianxo, Santiago de Compostela, Ames, Teo, Narón, Betanzos, Ribadeo, Ponteceso, A Baña ou Ferrol entre outros.

A fundación da Asociación responde á necesidade de coordinar e desenvolver conxuntamente accións para promover e dinamizar o uso da lingua galega, tal e como o Servizo de Normalización Lingüístia do Concello vén facendo dende o ano 2011, coordinándose puntualmente cos servizos de normalización doutras entidades locais para colaborar no deseño, posta en marcha, desenvolvemento, xestión, seguimento e avaliación de distintos programas de normalización lingüística.

Nestes anos, puxéronse en marcha algúns proxectos colaborativos tales como Apego, Youtubeir@s e Club de Debate, que se mantiveron ata o momento grazas a unha coordinación voluntariosa que pasará a ser formal grazas a esta plataforma. Actualmente hai en marcha outros programas que son de interese para Pontevedra como Enreguéifate, para o que o deseño e o funcionamento xa están establecidos, polo que xa hai moito traballo adiantado do que o Concello de Pontevedra se beneficiaría

Entre as vantaxes xerais que suporá esta adhesión, están o reforzo dos obxectivos dos programas e a maior difusión dos mesmos, a rendabilización de recuros públicos e a mellora na xestión do traballo mediante o reparto de tarefas. Todo isto permitirá tamén o desenvolvemento de proxectos que soborden o ámbito municipal e incentiven a participación da poboación, aumentando a consecución dos obxectivos do traballo a prol da lingua, prestixiando a percepción social da mesma.

Comentar noticia

Your email address will not be published.