‘Pontevedra polos catro costados’, unha semana de deporte e aventura para preto dunha vintena de rapaces e rapazas

Camiñadas, percorridos en bicicleta, rutas en kaiak, e paseos polas terrazas máis emblemáticas da cidade centran esta actividade, que se desenvolve no marco do programa Ponteverán
Publicado por o día 19/08/2020 na sección de Galicia,Pontevedra

‘Pontevedra polos catro costados’, unha semana de deporte e aventura para preto dunha vintena de rapaces e rapazas

Ás 10h desta mañá partían desde o centro histórico os dous grupos que están a participar na actividade de Ponteverán ‘Pontevedra polos catro costados’. Nesta xornada, a actividade consistía nun percorrido en bicicleta que tivo por destino a Illa das Esculturas, onde se realizaron diferentes xogos deportivos. O obxectivo é que ao longo desta semana, e a través dunha serie de propostas que combinan xogos e deporte, os 18 rapaces e rapazas participantes percorran a cidade desde distintas perspectivas.

Así, o luns e o martes, e a pesares da chuvia, as actividades desenvolvéronse con normalidade. O primeiro día realizáronse xogos polas diferentes prazas, aproveitando especialmente o abrigo dos soportais, e o martes subiron ás terrazas máis emblemáticas da cidade. A sesión do xoves estará dedicada a percorrer o río Lérez en kaiak e o venres rematará cunha ruta urbana na contorna do río Gafos ata chegar a Tomeza.

Convén lembrar que o programa Ponteverán organizado pola Concellaría de Xuventude do Concello de Pontevedra, está deseñado para que rapazas e rapaces teñan a oportunidade de realizar actividades ao aire libre, culturais, ambientais e alternativas, a través das que se favorece o seu desenvolvemento persoal con valores positivos de inclusión, respecto, creatividade, hixiene, esforzo e igualdade. Nesta edición, ao igual que en todas as programacións organizadas desde o Concello, todas as actividades se adaptaron atendendo á situación sanitaria, establecendo normas de prevencion e medidas de hixiene e distanciamento social, grupos reducidos e priorizarando actividades ao aire libre.

Comentar noticia

Your email address will not be published.