Pontevedra prepárase para unha fin de semana de saltos na rúa con exhibicións de deportistas da talla de Santi Ferrer, Beatriz Viteri, Alicia Merino e Pablo Modia

O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, salientou “o atractivo e espectacularidade de cara ao público” de Saltar na Rúa, que nas anteriores edicións congregou a un milleiro de persoas na Ferrería
Publicado por o día 22/08/2019 na sección de Eventos

Pontevedra prepárase para unha fin de semana de saltos na rúa con exhibicións de deportistas da talla de Santi Ferrer, Beatriz Viteri, Alicia Merino e Pablo Modia

O Paseo de Antonio Odriozola, a carón da Praza da Ferrería, converterase esta fin de semana nunha pista de atletismo coa celebración da III edición do programa Saltar na Rúa, que pretende achegar aos pontevedreses tres disciplinas como o salto de lonxitude, o triplo salto e o salto con pértega. O evento deportivo, organizado pola Sociedade Ximnástica de Pontevedra grazas ao patrocinio do Concello, foi presentado hoxe polo concelleiro de Deportes, o socialista Tino Fernández, e mailo atleta da voceiro e atleta da entidade deportiva pontevedresa Santi Ferrer.

O programa de actividades deseñado pola Sociedade Ximnástica dividirase en dúas partes diferenciadas. Por unha banda, sempre dende un punto de vista práctico, as rapazas e rapaces de entre 8 e 16 anos interesados poderán acceder ao recinto (previa inscripción) e probar algunha ou as tres disciplinas de salto. Pola outra, realizarase unha exhibición de saltos a cargo dos mellores especialistas autonómicos, xunto con outros atletas de nivel nacional e internacional.

Segundo salientou o edil do PSOE, “o atractivo e espectacularidade das tres probas de cara ao público” é tal que as anteriores edicións chegaron a congregar a un milleiro de persoas nesta zona da Ferrería. Fernández celebrou que, un ano máis, “poidamos desfrutar dunha actividade pouco habitual, moi exitosa entre as mozas e mozos, e que contará coa participación de 18 grandes atletas a nivel nacional e internacional”.

Así, ademais do propio Santi Ferrer (dez veces campión galego absoluto de pértega e catro veces internacional con España), os que se acheguen ata o Paseo de Antonio Odriozola poderán desfrutar das exhibicións da tamén perteguista Beatriz Viteri, oito veces campiona galega absoluta e medallista nacional en categorías menores (Celta); os saltadores Pablo Modia (Lucus) e Alicia Merino (Celta), campións galegos absolutos de lonxitude e heptatlón respectivamente; o campión de España absoluto de triplo salto en 2016 e varias veces internacional Alfonso Palomares (Ximnástica), e a campiona de España sub 16 de triplo salto Alba Cuns (Club Atletismo Negreira).

“Pontevedra -apuntou Tino Fernández- ven facendo unha grande aposta por deportes como o tríatlon, o piragüismo, o ciclismo ou a natación. O atletismo é outro deporte de grande importancia nesta cidade. Moitos dos récords autonómicos, ademais de numerosos metais en campionatos nacionais das tres especialidades de salto, foron colleitados na nosa cidade. O proxecto Saltar na Rúa é un bo xeito de recoñecer ese traballo e amosalo ao público”.

Tres quendas de ‘Iniciación aos saltos’

Tal e como explicou Santi Ferrer, a actividade de ‘Iniciación aos saltos’ dará comezo mañá pola tarde e dividirase en tres quendas: de 18.30 a 19.30 horas, de 19.30 a 20.30 horas e de 20.30 a 21.30 horas. O sábado, entre as 12.00 e as 13.30 horas, terá lugar, como novidade, a exhibición da Escola Sociedade Ximnástica de Pontevedra, mentres que a partires das 19.30 horas produciranse as de salto de lonxitude, triplo salto e salto con pértega.

En opinión de Ferrer, o evento permite “amosar unha visión novidosa dos saltos atléticos nunha contorna diferente, desenvolver o interese polo atletismo e popularizar a súa práctica, promocionar os saltos e ofrecer a posibilidade de adestramento no clube local e fomentar a práctica da actividade física entre as mozas e os mozos”.