Pontevedra referente de mobilidade sostible en Foz de Iguazú

O alcalde, convidado polo prefeito municipal de Foz, será o único en disertar sobre un modelo de mobilidade sostible, ante prefeitos brasileiros convidados a un dos principais eventos turísticos do país.
Por o 13/09/2018 | Sección: Galicia,Pontevedra
Pontevedra referente de mobilidade sostible en Foz de Iguazú

O Concello de Pontevedra está presente dende hoxe en Termatalia, Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar que desenvolverá a súa 18 edición na localidade brasileira de Foz de Iguazú até o sábado. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías asisten convidados pola Prefeitura do Municipio de Foz de Iguazú para expoñer a nova mobilidade de Pontevedra no Encontro internacional das cidades termais, que se desenvolverá na Feira.

A intervención de Pontevedra será o venres, 14 de setembro, ás 16.00 horas (local) cando o alcalde interveña no panel Cidades termais e sostibles xunto a Jorge Pumar Tesouro, concelleiro de Turismo e Termalismo de Ourense e Rui André, presidente da Cámara de Monchique (Portugal), para expoñer un modelo de mobilidade sostible. A conferencia do alcalde de Pontevedra é a única de toda a Feira e dos congresos paralelos, nos que se exporá a experiencia dun modelo de mobilidade sostible, un empeño dos representantes políticos de Foz de Iguazú no convite dirixido á cidade do Lérez.

Na primeira xornada da delegación pontevedresa en Brasil, o alcalde e a concelleira de Promoción da Cidade asistiron á inauguración oficial de Termatalia 2018, presidida polo ministro de Turismo de Brasil, Vinicius Lummertz, co que o alcalde estivo departindo. O representante do Estado de Brasil explicoulle a Lores que estivo en Pontevedra hai dous anos, nunha visita que fixo a Galiza, e que quixo achegarse á cidade do Lérez xa que tiña referencias da súa singularidade urbana.

O alcalde tamén mantivo contactos co secretario de Turismo do Estado de Paraná, e cos organizadores de Termatalia, especialmente, co concelleiro de Turismo de Foz de Iguazú, Gilmar Piolla e co propietario dun dos grandes complexos hoteleiros da zona, Altino Voltoni, onde se celebra nestes días Termatalia, que se amosaron moi interesados en coñecer a experiencia de Pontevedra.

Ademais, o alcalde e a concelleira Anabel Gulías sumáronse á delegación galega en Termatalia xunto á directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o concelleiro de Turismo de Ourense, Jorge Pumar, cos que visitaron os stands de Galicia e de Ourense na Feira termal.

Convite de Foz de Iguazú

A presenza de Pontevedra en Foz de Iguazú está motivada polo convite realizado polo prefeito de Iguazú, Francisco Lacerda, e o secretario municipal de Turismo, Gilmar Antonio Piolla que visitou Pontevedra o pasado 20 de setembro de 2017 aproveitando a súa estancia en Ourense, onde se estaba a celebrar Termatalia 2017.

Sabendo da proximidade das dúas cidades galegas, Gilmar Antonio Piolla decidiu trasladarse a Pontevedra para coñecer “unha experiencia urbana das máis exitosas do mundo”, nas súas propias palabras. Recoñecía que estaba na cidade do Lérez na procura de ideas que incorporar ao plan director de mobilidade que se está a desenvolver na súa localidade.

Naquela visita, o responsábel de Turismo do concello de Foz de Iguazú xa lle tiña adiantado ao alcalde o seu interese porque explicase en persoa a transformación urbana de Pontevedra aos prefectos e responsables municipais que nestes días asisten a Termatalia.

Ademais da ponencia do alcalde, a delegación pontevedresa tamén asistirá a conferencia sobre o Camiño de Santiago que se celebrará no marco da Feira.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.