Calidade, cantidade e diversidade son os piares que definen o programa de ocio para a mocidade, Ponteverán, que promove a Concellería de Xuventude, dirixida por Alberto Oubiña, e no que participaron dun xeito activo 427 persoas: 226 mozas e 201 mozos.
Catorce propostas distintas – 21 actividades- conformaron a programación de Ponteverán-18, que este ano incorporou novidades que foron moi ben acollidas. Foi o caso de Terra de zombies e os cursos de robótica e holografía, que supuxeron o desembarco dos xogos de rol e das TICs máis avanzadas en Ponteverán e para as que foi preciso ampliar as prazas iniciais e mesmo duplicalas.
Porén hobo tamén citas “clásicas” como o campamento de tempo libre, as aulas da natureza, a noite europea dos mórcegos, a xornada de orientación deportiva ou os cursos de piragüismo. Citas, todas elas, que se repiten pola alta aceptación que rexistran cada ano.
Á hora de avaliar Ponteverán-18, dende a Concellería de Xuventude sublíñase o dato de que oito propostas cubriron a totalidade das prazas ofertadas, nalgún caso duplicouse a oferta de prazas iniciais e mesmo houbo lista de agarda. Falamos das seguintes actividades: campamento de tempo libre, aula da natureza (nos tres obradoiros), observación astronómica, noite europea de morcegos, obradoiro de cociña, robótica, holografía e os cursos de piragüismo (nas tres convocatorias.
No balance tamén hai que rexistrar a suspensión dunha das propostas iniciais ao non rexistrarse un mínimo de inscricións, foi o caso da estadía no medio natural que este ano tiña como destino as beiras do Miño a seu paso pola provincia de Ourense.
Ponteverán é máis que ocio xa que enriba da mesa pon unha oferta baseada en valores deconvivencia,igualdade,respectoaoambiente,promocióndaactividadefiśicaede coñecemento do patrimonio cultural.
O programa de ocio xuvenil Ponteverán-18 contou cun orzamento total de 15.250 euros e para a prestación dos servizos foron contratadas cinco pequenas empresas e profesionais autónomos e tres asociacións:Vaipolorío, o Club de Montañeiros e o Club de Piragüismo Río Verduxo de Ponte Sampaio.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.