Pontón: “21 millons de euros non chegan para recuperar as zonas afectadas polo lume”

Pide destinar unha partida nos orzamentos para poñer en marcha un “plan integral de recuperación”, social, económico e ambiental, tras o “desastre” provocado polos incendios o 15 de outubro
Publicado por o día 28/10/2017 na sección de BNG,Política

Pontón: “21 millons de euros non chegan para recuperar as zonas afectadas polo lume”

Na súa visita á zona afectada pola vaga de lumes no monte Cepudo de Valadares na contorna de Vigo, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón  afirmou que: “ o decreto de 21 millóns é insuficiente para facer fronte  ao desastre ambiental, social e económico” producido polos incendios  e pediu destinar “unha partida” específica nos orzamentos 2018  para un plan integral de recuperación das zonas afectadas.

Tras manter un encontro cos traballadores e traballadoras contra os incendios e representantes das comunidades de Montes, Pontón manifestou que é o momento de facer un balance e analizar as causas da situación de “emerxencia nacional” que vivimos o 15 de outubro e tomar todas as decisións políticas que sexan necesarias para rectificar para que  “nunca máis” teñamos que volver a vivir esa situación.

Neste sentido, recalcou que o traballo de todas as persoas que se esforzaron en apagar os lumes impediu que a “traxedia fora maior” e denunciou a “precariedade” do servizo contra incendios.

Pontón reclamou  da Xunta poñer en marcha un “plan de recuperación”, ambiental, social e económica  de todas as zonas afectadas pola vaga de lumes e a  inversión pública necesaria para executar as “franxas de protección” de vivendas e infraestruturas públicas.

A Xunta, dixo, non pode seguir sustentando a mentira “dunha trama incendiaria” como única causa dos lumes. O verdadeiro problema, é ter unha “política forestal pirómana” que abandona o rural. “Necesitamos un cambio de rumbo na política forestal”.

COLAPSO NA AP-9

 Na súa visita as zonas afectadas polos incendios  en Valadares, acompañada polos responsables comarcal e local do BNG, Manuel Caride e Serafín Otero, Pontón   denunciou o “colapso de tráfico ”  en Vigo e comarca do Morrazo  provocado polas  obras do corredor do Morrazo e ampliación da ponte de Rande. Tanto a Xunta como AUDASA, “non cumpriron o seu compromiso” de evitar as retencións nos tramos das obras e hoxe constatamos, unha vez máis, “o fracaso” da comisión de coxestión da AP 9 que o único que está conseguindo é “colapsar as infraestruturas de todo o sur de Vigo”.

As retencións provocan un “grave dano” na economía das persoas que deben ser compensadas polo que o BNG pedirá “sancións para AUDASA” e responsabilidades no Parlamento  ante o que consideramos unha  “tomadura de pelo a todas e todos os galegos”, por parte do goberno galego.

Hai que evitar que esta situación  se converta “no día a día dos cidadáns” de Vigo, Morrazo e  Pontevedra que ven como a principal arteria de comunicación sufre permanentes retencións manténdoos  “secuestrados” durante horas.