A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón lamentou que a Deputación permanente, celebrada hoxe no Parlamento galego, impedira cos votos do PP e PSdG, convocar “un pleno específico e extraordinario sobre o grave accidente do Marisquiño, a comparecencia do Presidente da Xunta para explicar o sinistro e unha comisión de investigación” para esclarecer a verdade. As vítimas e as súas familias, recalcou Pontón, teñen “dereito a unha explicación veraz das causas do accidente e en democracia, as persoas con cargos públicos deben asumir as súas responsabilidades políticas”.
A nacionalista lembrou que as instalacións públicas derrubáronse provocando lesións a máis de 400 persoas e asegurou que alguén “é responsable” do que aconteceu. “Estou absolutamente convencida, que se en vez de falar dunha zona portuaria de titularidade do Estado, falaramos dun local privado, a propietaria ou propietario dese espazo, estaría na cadea.”
Para a nacionalista, convocar este pleno sería un exercicio de responsabilidade e madurez democrática que axude a paliar o “triste e bochornoso espectáculo que levan dando PP e PSOE durante estes días”.
Un Partido Popular e un Partido Socialista, engadiu que desde o minuto cero, practicaron “un pim pam pum grotesco”, e deixaron claro que están máis interesados en tirar balóns fóra, que asumir con normalidade e humildade que hai fallos e unha cadea de graves irresponsabilidades que deben ser asumidas e corrixidas”.
NO MARISQUIÑO NON HAI UN SÓ MAQUISTA A QUEN CULPABILIZAR
O problema que teñen no accidente do marisquiño, manifestou Pontón, “é que non hai un único maquinista a quen culpabilizar de todo, porque aquí hai varios maquinistas: “está quen organiza, quen financia, quen autoriza e está quen non supervisa, é dicir: Organización, Concello de Vigo, Autoridade Portuaria e Xunta de Galiza” polo que considerou que debe ser o Parlamento Galego o que investigue o acontecido, depure responsabilidades e tome medidas para evitar no futuro outro accidente desta envergadura.
CADEA DE IRRESPONSABILIDADES
O Concello de Vigo e a Autoridade Portuaria, “miran para outro lado”, a pesar de ser coñecedores do mal estado do espazo. A autoridade Portuaria concedeu o permiso de ocupación, permiso que segundo López Veiga compete ao risco e aventura da organización, o Concello de Vigo autorizou o evento e pola súa parte, a Xunta denuncia a falta de rexistro do plan de autoprotección, sen embargo, puntualizou a portavoz do BNG, a Xunta non actuou no seu momento sobre un documento “clave” para as medidas de seguridade.
Non fagan desta Deputación permanente un novo “episodio lamentable” requiriu novamente a portavoz do BNG aos membros do PP e PSOE aos que reclamou asumir as súas responsabilidades. “Hai que investigar. E Feixóo, como máximo responsábel da Xunta ten que comparecer ademais do responsábel de sanidade, para dar explicacións despois das críticas por non reforzar suficientemente os medios sanitarios”.
FEIXÓO DEBE DAR A CARA NO PARLAMENTO
Se a maiores, engadiu a nacionalista, quere comparecer o vicepresidente Alfonso Rueda, parécenos ben porque hai moito que falar da súa Lei de espectáculos da que dicía o Partido popular que ía mellorar controis e seguridade e xa vemos cal é o balanzo: “un gravísimo accidente que puxo en risco a miles de persoas” pero debe ser o máximo responsable da Xunta, Núñez Feixóo quen explique na Cámara galega o sinistro do Marisquiño.
Pontón concluíu a súa intervención enviando unha mensaxe de solidariedade e afecto ás vítimas ás que desexou unha rápida recuperación física, psíquica e emocional e trasladou unha mención especial ao labor dos servizos sanitarios, de emerxencia e á solidariedade veciñal. A portavoz do BNG volveu a apelar á conciencia dos deputados e deputadas do Partido popular e socialista para deixar ao un lado “intereses partidistas” e votar favorablemente polo dereito das vítimas a coñecer a verdade.
Noticias de última hora en Vigo