Pontón define a Lois Obelleiro como “un mestre”, exemplo de loita en defensa dunha Galiza Ceibe

Emotiva homenaxe do BNG en Soutomaior, onde viviu e exerceu como concelleiro: “Estaría pletórico ao ver que o próximo alcalde será nacionalista”, proclamou a portavoz nacional
Por o 25/02/2018 | Sección: BNG,Política
Pontón define a Lois Obelleiro como “un mestre”, exemplo de loita en defensa dunha Galiza Ceibe
Compartir en:

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou onte na emotiva homenaxe que o BNG rendeu ao histórico nacionalista Lois Obelleiro en Soutomaior con motivo do décimo aniversario do seu pasamento, acto que contou coa presenza de centos de militantes e simpatizantes así como veciños e veciñas do municipio no que naceu e onde exerceu como concelleiro.

“O feito de que dez anos despois Lois Obelleiro sexa capaz de xuntar a tantas e tan diversas persoas é a mellor carta de presentación dun home entusiasta e alegre, un galego de nación, un dos bos e xenerosos que adicou a súa vida a loitar por Galiza. Dez anos despois a súa memoria está con nós e seguimos coa súa loita: A defensa dunha Galiza ceibe”, salientou Pontón na súa intervención na homenaxe a quen foi tamén un dos fundadores do BNG en 1982.

Unha defensa de Galiza desde as diferentes facetas da súa vida. Como historiador, “rescatando a memoria histórica da nación”, consciente de que para dar forzas a un proxecto colectivo “era necesario denunciar as manipulacións e facer emerxer a historia silenciada do país”. Como militante de base ou en cargos na dirección, “onde foi clave na expansión do nacionalismo”.

“Traballou con entrega, rigor e entusiasmo”, proclamou Pontón sobre o homenaxeado, a quen sinalou como “unha persoa que sempre estaba disposta a botar unha man, un dos meus mestres, pero sen paternalismos, supoño que como docente sabía que ensinar non consiste en dar leccións maxistrais, senón en dotar de ferramentas para pensar, ter confianza en nós mesmas e actuar”, valorou Pontón.

A portavoz do BNG amosouse convencida de que o “compañeiro Obelleiro estaría orgullo de ver como continuamos co labor, que seguimos erguendo a bandeira de Galiza e traballando por un país con xustiza social e igualdade. De estar hoxe aquí estaría feliz vendo a xente que tan ben traballa no concello no que naceu e viviu, e estaría pletórico porque nas próximas eleccións municipais, en Soutomaior, teremos un alcalde nacionalista”, proclamou Pontón en referencia ao actual portavoz municipal, Manuel  Lourenzo.

Lois Obelleiro: compromiso e loita

No acto de homenaxe tamén tomaron a palabra o presidente da  fundación Terra e Tempo editora da obra Lois Obelleiro: compromiso e loita, Roberto Vilaméa, a  xornalista María Obelleiro en representación da familia e o portavoz municipal Manuel Lourenzo. Discursos de recoñecemento á figura de Obelleiro, que se completaron coas actuacións musicais de Xosé Luís Rivas, Mini, de Navia Rivas e dos músicos Quico Obelleiro, Lorena Reinaldo e Demetrio Jorge.

O libro Lois Obelleiro: compromiso e loita é un percorrido vital sobre a figura do histórico dirixente que se atopa entre os fundadores do BNG, con artigos de persoas que compartiron con el militancia e amizade, como Francisco Jorquera, Francisco Rodríguez ou Guillerme Vázquez. Tamén inclúe artigos do rexedor de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores ou  de Allariz, Francisco García, así como unha aportación da propia portavoz nacional Ana Pontón. Igualmente, recolle textos de nomes do sindicalismo como Manuel Mera ou Rafael Iglesias, do escritor Manuel Lourenzo González, ou do debuxante e ilustrador Pepe Carreiro e  unha significativa participación de amigos e de compañeiros de Soutomaior.