Nun encontro con responsables municipais do BNG dos concellos de: Baiona, Nigrán, Redondela, Soutomaior, Vigo, Pontesampaio, Vilaboa, Moaña e Cangas, para abordar a situación medio ambiental da Ría de Vigo, ao que tamén asistiron a eurodeputada, Ana Miranda e o candidato á Alcaldía de Vigo, Xavier Pérez, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou que a ría é unha importante fonte de “riqueza económica, ambiental económica e histórica”, de aí, dixo, a necesidade de salvagardar os “valores produtivos, sociais e turísticos”, cun saneamento integral.
As administracións son responsables de investir os recursos necesarios para mellorar a calidade das augas e nese sentido, recalcou a nacionalista, o BNG está a traballar nas institucións europeas para dotar de máis fondos por “unha ría sen vertidos”. Para nós, “é unha prioridade política” e por iso, no vindeiro pleno que comeza na Cámara galega o próximo martes día 12, o BNG defenderá unha iniciativa para que o estado invista nas nosas rías, porque, os orzamentos do estado “son unha labazada” na cara de todos os galegos e galegas. Reclamaremos a todas as forzas políticas o seu apoio no investimento para o saneamento e depuración da Ría de Vigo cun programa de separación de augas fecais e pluviais, e que as depuradoras cumpran coa súa función e non a contraria.
A Xunta, engadiu a líder do BNG, tamén é responsable. En Galiza, explicou, abonamos un canon de saneamento cuxos fondos a Xunta utiliza de maneira partidista. Dende o BNG reclamaremos que a Xunta invista en saneamento e que no reparto dos fondos primen criterios “obxectivos, transparentes e sen caciquismo”. Finalmente, Pontón tamén avanzou que o BNG pedirá que os recursos sexan investidos nos concellos que máis o precisan.
ANA MIRANDA DEFENDERÁ EN EUROPA O SANEAMENTO INTEGRAL DA RÍA DE VIGO
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda lembrou que, despois de cinco anos da visita dunha delegación de representantes do Parlamento europeo, a Comisión europea recoñece que “a Ría de Vigo non está saneada de maneira integral”. Miranda recalcou que o propio Partido socialista europeo, partido de Abel Caballero, apoiou a reapertura do informe. “Non queremos multas”, remarcou a eurodeputada, queremos investimentos pero nos atopamos que para o saneamento da ría, os orzamentos do estado destina cero euros.
No mes de marzo, o informe será reexaminado en Europa e dende o BNG aportaremos novos datos para influír no marco de negociación dos futuros orzamentos europeos.
Tanto Xavier Pérez como eu, dixo, Miranda “queremos a ría, somos vigueses traballando por Vigo e non se nos pode acusar do contrario” e se mostrou convencida que a partir do mes de maio, “estaremos no concello de Vigo e no Parlamento europeo defendendo esta cidade e a súa ría”.
XAVIER PÉREZ: “A DEPURADORA É INSUFICIENTE”
Pola súa parte, o candidato á Alcaldía de Vigo, Xavier Pérez Igrexas mostrouse moi crítico ante as declaracións de Abel Caballero e o Presidente da Autoridade Portuaria, López Veiga tentando negar as deficiencias no saneamento da Ría de Vigo. Pérez Igrexas denunciou “verteduras contaminadas” e lembrou que a pesar da nova depuradora cun investimento millonario os problemas non foron resoltos e en moitas ocasións se verten “augas sen tratar nin depurar ao mar”. Isto acontece, dixo porque a depuradora non absorbe a totalidade da auga cando chove ao non existir a separación de augas pluviais e fecais.
O candidato do BNG pide outro modelo de xestión municipal para que non continúen as verteduras de augas sen tratar, “ 9 de cada 10”, no litoral do Berbés, Areal e Bouzas, verteduras sobre as que a Autoridade portuaria ten responsabilidade. Peréz Igrexas pediu o compromiso do concello e Estado para poñer en marcha un plano de investimento plurianual que aborde a necesaria separación das augas pluviais da cidade, concluíu.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.