Pontón felicita ás forzas soberanistas e afirma que o grande derrotado é Mariano Rajoy e o 155

Agarda que o Estado tome nota dos resultados en Catalunya e non siga enrocado na xudicialización da vida política
Publicado por o día 23/12/2017 na sección de BNG,Política

Pontón felicita ás forzas soberanistas e afirma que o grande derrotado é Mariano Rajoy e o 155

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón felicitou a todo o pobo catalán e forzas soberanistas que “revalidaron a maioría absoluta”, nunhas circunstancias excepcionais e baixo “presión de todo o Estado, poder xudicial e grupos mediáticos contrarios a esta alternativa”. A mairoría soberanista acadada onte en Catalunya, constata a vontade do pobo catalán, remarcou.

Para a líder do BNG, “o grande derrotado nestas eleccións é Mariano Rajoy e o artigo 155”. A derrota sen paliativos do Partido popular, redundou Pontón, “convertida nunha forza marxinal”, deixa unha mensaxe clara: “Os cidadáns de Catalunya non apoian a vía represiva nin as políticas de Rajoy.” Por outra parte, engadiu, estas eleccións evidencian que a solución só pode vir da política e estamos ante un debate político no que miles de cidadáns reclaman dereitos e liberdades. A alternativa á política non pasa “polos porrazos, a represión policial ou utilizar de maneira abusiva o poder xudicial”. Estamos nun estado plurinacional onde as nacións sen estado reclamamos un novo marco e o Partido popular non pode continuar “enrocado no seu inmobilismo” coa intención de seguir mantendo a visión do Réxime do 78, “un réxime esgotado”.

O pobo de Catalunya, insistiu, “deunos onte unha lección de dignidade, é de un pobo maduro que desexa dirimir, de forma democrática, as súas diferencias e debates políticos”. No BNG agardamos unha lectura dende o Estado do que está pasando e que non se enroque en seguir con “máis represión, xudicialización da vida política e empeorando a situación política actual”. O pobo catalán falou con clareza, “derrotou ao

Partido popular e ao 155”, e o bloque soberanista conta cunha maioría clara na que máis de dous millóns de persoas queren defender o seu futuro”.