Pontón: “Imos poñer en marcha o cambio galego cunha presidenta do BNG coas mans libres para defender Galiza”

“Nin absolutismo nin sucursalismo, merecemos algo tan simple e tan revolucionario como que Galiza sexa gobernada desde Galiza”, proclama
Publicado por o día 29/02/2020 na sección de BNG,Política

Pontón: “Imos poñer en marcha o cambio galego cunha presidenta do BNG coas mans libres para defender Galiza”

O Consello Nacional deu luz verde ás listas e ao programa electoral para o comicios do 5A. Unhas candidaturas de “excelencia” e un “auténtico programa de goberno” para pedir o apoio da maioría social que quere un “cambio galego” que, en palabras da candidata á Presidencia, Ana Pontón,  significa que por primeira vez Galiza poda ter un goberno “sen submisións”.

“Nin gobernos absolutistas, nin  sucursalistas é o momento de ter na Presidencia unha muller nacionalista coas mans libres e as ideas claras para defender, sempre e en todo lugar, os intereses dos galegos e das galegas, para construír un país con oportunidades no que vivir e traballar”, proclamou Pontón, “porque merecemos un goberno que non reciba ordes nin de Génova, nin de Ferraz, o cambio galego é rematar co tempo do si bwana ao madridcentrismo e conseguir algo tan simple e tan revolucionario como que Galiza sexa gobernada desde Galiza”.

Cun BNG á alza, Pontón está convencida de que as urnas van abrir un tempo novo. “Se hai unha gran mobilización a favor do Bloque o 5A haberá cambio real, esa é a garantía para deixar atrás un goberno absolutista do PP, inútil e nocivo para Galiza”, explicou, un reto ambicioso pero posible “se todas as persoas que pensan que este país necesita un cambio galego acoden as urnas o cinco de abril votando BNG”.

Na súa intervención ante o CN, explicou que o programa  “demostra ambición de País, capacidade para avanzar e mellorar a vida das persoas, para construír unha Galiza con futuro, con benestar social, con dereitos e liberdades e con orgullo do noso”, explicou Pontón, “un programa con solucións e políticas autocentradas, porque sabemos que de nada vale o copia e pega, nin encher páxinas con promesas que non se poidan verificar”.

A formación nacionalista, salientou  a candidata,  presenta “unha proposta de goberno pensada para poñer en marcha unha nova Galiza: A Galiza produtiva, innovadora, social, feminista, ecoloxista e empoderada”.

En relación as candidaturas, combinan experiencia e renovación, representan unha aposta radical pola igualdade cunha destacadísima presenza de mulleres e dando protagonismo á xente nova. Inclúen persoas representativas dos diferentes ámbitos dunha sociedade plural e cun denominador común: “son homes e mulleres comprometidas con Galiza e libres para defender este país, que temos como único obxectivo traballar para mellorar a vida dos galegos e das galegas”, explicou.

“Somos a gran esperanza desta campaña”

As propostas da militancia traducidas nas listas aprobadas polo CN referendan o traballo do grupo parlamentario, que repite na súa integridade: Olalla Rodil como cabeza de lista por Lugo, Noa Presas por Ourense, Luís Bará por Pontevedra, así como Xosé Luís Rivas e Montse Prado como números dous pola Coruña e Pontevedra.

Entre as incorporacións: Mercedes Queixas e Rosana Pérez, -para quen Pontón tivo un recoñecemento especial-, pola Coruña; Daniel Castro e Carme Aira por Lugo, Iago Tabarés e María González, por Ourense ou Alexandra Fernández e Manuel Lourenzo por Pontevedra.

“Estamos sentindo que a gran esperanza desta campaña é o BNG”, proclamou a candidata entre aplausos, “é imos a por todas, con ambición de ganar porque somos a única garantía para poñer en marcha o cambio real que necesita Galiza”, e deixar atrás “once anos de mediocridade, de servilismo, once anos perdidos”. “A maioría social quere un cambio galego, convertamos esa maioría social en maioría electoral enchendo as urnas de apoio ao BNG o 5A”, concluíu.

 

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.