Pontón pide reforzar o liderado de Ledicia Santos para garantir que Moaña sigue avanzando

A candidata puxo en valor o traballo feito polo equipo de goberno: “Estamos preparad@s para afrontar os retos que precisa este concello cheo de virtudes e talento”

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a presentación da candidatura municipal de Moaña para pedir “un apoio masivo” ao proxecto do BNG “para reforzar o liderado de Leticia Santos e garantir que Moaña vai seguir avanzando da man dun proxecto de transformación en positivo e a favor da veciñanza como o desenvolvido pola actual alcaldesa estes catro anos.

“Leticia e o equipo de homes e mulleres que a acompañan demostraron capacidade, diálogo como forma de goberno e brillantez na xestión”, subliñou Pontón, quen destacou que a Santos “exerceu un liderado claro apostando pola transparencia e a participación da veciñanza, a eficacia na utilización dos recursos públicos, a defensa das políticas sociais e de benestar e todo iso desde unha perspectiva feminista e igualitaria”.

Para seguir nesa senda dun concello a favor da maioría social, Pontón pediu o apoio dos veciños e das veciñas nas eleccións do 26M, “porque o avance de Moaña non se pode deter, non pode dar nin un paso atrás, senón que ten ganar forza e estou segura que Leticia e as persoas que integran a candidatura van recibir un apoio contundente nas urnas”.

Como sinais de identidade do Goberno local do BNG: a defensa dos servizos públicos, -sanidade e educación prioritarios-, saneamento das contas cunha drástica redución da débeda, que fixo posible destinar máis recursos a investimentos e a financiar programas de atención social.  Igualmente, tamén foron apostas claras de goberno lograr un concello cada vez máis sustentable e a dinamización económica, turística e do comercio local, así como o labor de promoción da lingua e da cultura.

De cara ao próximo mandato, segundo explicou a propia candidata, “a proposta do BNG pasa por promover políticas de inclusión social e igualdade, ampliación do programa de avellentamento activo, a integración da diversidade, as cláusulas sociais nas ordenanzas municipais e nos concursos públicos, os campamentos inclusivos, a escola de familias”.

Impulsar un  cambio de modelo que contribúa á preservación do medio natural, continuar eliminando verteduras á ría e tratar os bioresiduos coa compostaxe, á par que se promoverá a mobilidade urbana sustentable e segura.

Do mesmo xeito, a candidata do BNG  ten claro que o concello debe xogar un papel “dinamizador” da intensa actividade social, deportiva, turística e cultural de Moaña, “e promocionar os nosos sinais de identidade”. “Melloraremos os centros socioculturais e o alto da praza, ademais de procurar noutras administracións o cofinanciamento do auditorio”, destacou Santos.

Un concello referente

A candidata e actual alcaldesa puxo en valor os logros do seu goberno e comprometeuse a seguir traballando para conseguir novos retos a favor da veciñanza, como a construción do novo centro de saúde poñendo os terreos a disposición da Xunta, da que espera deixe atrás o actual boicot a este e outros proxectos municipais.

“O labor feito estes catro anos no que demostramos capacidade de traballo e xestión, de atención á veciñanza e de proximidade, converteu Moaña nun referente, mais somos conscientes de que restan retos por cumprir e moitas metas que alcanzar. Coa experiencia e o aval destes catro anos e un equipo de persoas capaces e competentes queremos continuar a dar valor a un pobo cheo de virtudes e de talentos, apoiando a cada persoa, cada colectivo, cada asociación, cada club e xa demostramos que  somos quen de facelo”, concluíu. 

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM