Pontón pide un apoio rotundo para que o BNG lidere todos os concellos do Morrazo a partir do 26M

Pon Moaña e Bueu como exemplos do modelo municipal transformador do Bloque, capaz de mellorar a vida das persoas alí onde goberna

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o mitin en Moaña para resaltar o seu “orgullo” polo traballo que está facendo o BNG nos concellos do Morrazo, tanto desde a oposición como desde o goberno, onde a formación nacionalista conta con dous referentes, Leticia Santos e Félix Juncal, “unha alcaldesa e un alcalde que xogan nachampións da política municipal”.

Moaña e Bueu son exemplos do modelo municipal de éxito do BNG, un modelo transformador que demostra a súa capacidade para mellorar a vida das persoas. 

Onde gobernamos transformamos, construímos concellos con calidade de vida, exemplos de democracia participativa, capaces de sacarlle partido a cada euro, concellos feministas, sustentables, honestos e libres de corrupción. Onde gobernamos aplicamos políticas sociais, practicamos un urbanismo para as persoas, e fomentamos o orgullo polo noso, pola nosa lingua e a nosa cultura”, salientou Pontón.

De cara ao 26M, a líder nacionalista pediu encher as urnas coa papeleta do BNG para estender ese modelo e para sumar a Moaña e Bueu máis concellos liderados polo Bloque: “Hai que darlle máis forza ao BNG para seguir avanzando tamén nesta comarca”, na que salientou o papel das mulleres “as mariscadoras, as traballadoras da conserva, as viúvas do mar foron as precursoras da loita pola igualdade e foron as precursoras das mobilizacións do 8M que tanta esperanza nos dan”.

Despois de encher as rúas de feminismo, de loita pola igualdade e polos nosos dereitos, “queremos encher os concellos de alcaldesas como Leticia Santos, así que adiante tamén Mercedes en Cangas e Lucía en Marín, adiante coas mulleres nacionalistas, feministas e alcaldesas para construír concellos máis libres para todas, e para representar este tempo novo no que as mulleres deixamos claro que ni un paso atrás”, proclamou.

Pese á corrente de simpatía que non deixa de medrar cara o BNG, Pontón pediu mobilizarse “para impulsar a remontada e conseguir que vaia a máis”. “Temos que falar con todas as persoas, veciñanza, amizades, coa xente do noso entorno para explicarlle o modelo transformador do Bloque, explicarlle como os concellos nos que gobernamos se converten en referentes de calidade de vida.  Mobilicémonos e seremos imparables”, proclamou.

A portavoz nacional tamén fixo fincapé en que o resultado das municipais será decisivo para abrir un tempo novo en Galiza, que o Bloque quere liderar. “Os votos ao BNG este 26M terán tamén un valor enorme para, en poucos meses máis, darlle o finiquito a Feixóo no goberno da Xunta”.

Feixóo, tocado polo batacazo

Un Feixóo ao que lle augura un segundo batacazo o 26M tras o descalabro das eleccións xerais que o deixo, ironizou, “tocado”. “Anda como alma en pena, de mitin en mitin, pedindo de por favor que se concentre o voto da dereita do PP, disque que para  trasladar os concellos o modelo de rigor e de crecemento da Xunta”.

“O seu rigor foi triplicar a débeda mentres recortaba en sanidade e educación, o seu crecemento mandou a emigración a 200.000 mozos e mozas en dez anos de goberno. O único crecemento foi o da estafa das peaxes da AP9 e o da factura da luz. E nisto, como en tantas cousas con Galiza, PP e  PSOE practican a mesma discriminación”.

Nación pesqueira

No mitin en Moaña, a candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, comprometeuse a volver ser a voz implacable en defensa dos sectores produtivos de Galiza en Bruxelas, como o sector pesqueiro e marisqueiro, de tanta importancia para unha “nación pesqueira” como a galega e para unha comarca como a do Morrazo.

Miranda salientou que redobrará esforzos para que Bruxelas escoite cales son os problemas deste país e buscarlles solucións, “pois moitas das decisións que se afectan directamente a xente do mar tómanse nas institucións comunitarias”. Un traballo político en defensa do país que só fixo o BNG: “somos unha forza eficaz e fiable na defendas dos intereses dos galegos e das galegas tamén na UE, fronte ao desleixo das forzas estatais” en calquera das súa franquías.

A candidata ás europeas batallará para construír outra Europa “social, solidaria e dos pobos”, fronte ao modelo actual “a favor do capital e dos estados” que pon a banca por riba das persoas, -como se constata co trato inhumano ás persoas refuxiadas e ás que se deixan morrer chamando as súas portas-. “O voto ao BNG o 26M servirá tamén para iso, para defender os intereses do noso país e para axudar a construír unha Europa que non nos avergoñe”, concluíu.


Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM