A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na primeira xornada de traballo municipal que reuniu en Pontevedra aos candidatos e candidatas do BNG á Alcaldía das sete grandes cidades, punto de encontro que non foi casual senón a maneira de simbolizar que o Bloque ten un modelo urbano de éxito capaz de mellorar a vida das persoas.
“Temos un modelo que é a envexa de moitos e moitas, un modelo que funciona, que demostra a potencia que ten o BNG cando é capaz de poñer en marcha as súas alternativas”, salientou a líder nacionalista, e ese modelo pode ser aplicado en todas as grandes cidades galegas.
“Demostramos que temos un modelo urbano de éxito que consigue mellorar a vida das persoas e queremos aplicalo ao resto de cidades do país, obviamente desde as características de cada unha delas e respectando a personalidade de cada urbe”, explicou Pontón en presenza dos cabezas de carteis: Francisco Jorquera, pola Coruña; Rubén Arroxo, por Lugo; Luís Seara, por Ourense; Miguel A. Fernández Lores, por Pontevedra; Xavier Pérez Iglesias, por Vigo; Goretti Sanmartín, por Santiago e Iván Rivas, por Ferrol.
“Hai quen apostou no seu día por tirar o patrimonio urbanístico e construír disparates, pero no BNG pensamos que conservando o patrimonio somos capaces de mellorar o espazo urbano, combinado con novas intervencións que teñan en conta que o espazo público debe estar ao servizo das persoas. Falamos dun modelo de eco cidades que é o modelo de futuro”, explicou.
Pontón tamén destacou que o Bloque foi o primeiro en designar [email protected] nas grandes urbes, proba da cohesión e da vitalidade dunha organización preparada para “ir a por todas” nos comicios locais de maio.
“Somos a primeira forza que ten nomeados aos cabezas de lista para as sete grandes cidades, mostra de que nos tomamos moi en serio a preparación desas eleccións para poder presentarlle á sociedade galega un proxecto claro, un proxecto de cidade ilusionante”, explicou. Cos deberes feitos, “o obxectivo é utilizar o traballo de precampaña para fortalecer a presenza do BNG” de cara a unha cita coas urnas “na que non nós marcamos límites”, recalcou Pontón.
“Estamos convencidas de que o resulta das eleccións vai depender do traballo que fagamos de aquí a maio. Sóbrannos ganas de traballar e temos moita ilusión cun proxecto claro que seguimos mellorando para ofrecer ideas novas á cidadanía”, argumentou a líder nacionalista, quen destacou a vantaxe que supón “o aval” dos feitos. “Non nos limitamos a falar senón que demostramos cos feitos que somos capaces de transformar en positivo as cidades”, concluíu.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.