Pontón transmite o apoio do BNG ás vítimas de Tui e reclama unha liña de axudas urxente para as persoas afectadas

O BNG pide iniciar unha investigación para aclarar a traxedia e depurar posibles responsabilidades políticas
Por o 24/05/2018 | Sección: BNG,Política
Pontón transmite o apoio do BNG ás vítimas de Tui e reclama unha liña de axudas urxente para as persoas afectadas

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón transmitiu hoxe o apoio do BNG ás vítimas de Tui e reclamou unha liña de axudas urxentes paras as persoas afectadas. Acompañada pola deputada por Pontevedra, Montse Prado, o Alcalde das Neves, Xosé Rodriguez e concelleir@s e responsables do BNG de diferentes concellos afectados pola explosión pirotécnica, a portavoz do BNG visitou a zona cero onde manifestou que debe ser aberta unha investigación para esclarecer o acontecido onte na localidade de Paramos, Tui.

Tras manter un encontro cos veciños e veciñas afectados pola explosión, manifestou que hoxe é o día para “transmitir toda a nosa solidariedade porque os veciños e veciñas de Paramos aínda continúan co medo no corpo” ante unha situación que xerou un importante shock. Hoxe, reiterou, “só podo trasladarlles que dende o BNG teñen toda a nosa colaboración e afecto nunha traxedia que segou a vida de dúas persoas e feriu a un gran número de veciños e veciñas”.

A nacionalista tamén desexou unha pronta recuperación ás persoas que aínda se atopan no hospital.

Ademais, lembrou que moita xente “quedou co posto” porque foron destruídas as súas vivendas. Agora, “urxe que todas as administracións se poñan a traballar para proporcionarlles un fogar durante estes días e despois contar coas axudas necesarias para levantar novamente as casas porque, aínda que non poidan recuperar todos os recordos que tiñan nos domicilios hai que facilitarlles un lugar para vivir e poder reconstruír aquilo que perderon”.

Pontón tamén reclamou poñer a disposición das vítimas da explosión pirotécnica toda a axuda psicolóxica que precisen porque, ao seu xuízo, “ despois dun accidente destas características é necesario este apoio así como mostras reais de sensibilidade por parte das administracións públicas ante un síntoma emocional tan forte”.

Na zona afectada pola explosión, a portavoz nacional do BNG insistiu na necesidade de investigar as causas que a provocaron e que sexan depuradas as responsabilidades e para isto, dixo , está a xustiza e as propias administración públicas.

Pontón considerou que é preciso facer unha reflexión ante o gran número de accidentes de pirotecnia producidos nos últimos anos en Galiza e que desgraciadamente cobraron vidas humanas polo que “as administracións con competencias na materia deben extremar as medidas de vixilancia e inspección” así como poñer todos os medios para evitar que esta situación se poida repetir. “Dende o BNG, con “sosego e a calma “ daremos un debate para poñer todos os medios e recursos que impidan que traxedias deste tipo se podan volver a repetir”.