Por unha primaria digna: Verdade, Humildade e Boa Xestión

Publicado por o día 31/12/2018 na sección de Sanidad

Por unha primaria digna: Verdade, Humildade e Boa Xestión

A AGAMFEC, sociedade que representa preto de 1000 médicos de familia de Galicia, quere saír ao paso dos artigos, entrevistas e manifestacións que estes días asolagaron os medios e as redes sociais. Como sociedade científica de Atención Primaria estamos encantados de que por primeira vez en moitos anos esteamos na axenda dos partidos e organizacións sociais.

Queremos manifestar a nosa solidariedade e apoio cos nosos compañeiros de Vigo, que deron mostra de profesionalidade dando un golpe de efecto para poñer á vista os problemas de saturación e deterioración da Atención Primaria. Isto non é unha idea partidista é pura política sanitaria. Benvidos sexan todos os que apoien esa denuncia. Encantaríanos ver á nosa administración ao noso lado, pero en lugar disto dedícase a criticar e desprezar aos manifestantes que nos apoiaron e dicir que está politizada e se mobiliza tras unha gran mentira. Onde está a mentira? Na deterioración da Atención Primaria que agora queren corrixir? Por qué imos negar o apoio que desde calquera ámbito se nos brinde?

A nosa administración xa se equivoca na súa formulación: “Imos crear grupos de participación para acougar os ánimos dos médicos” Os médicos temos bo estado de ánimo e por iso queremos mellorar a Atención Primaria, se tratamos o síntoma e non a causa non imos conseguir nada. Os médicos estamos mobilizados pola situación de deterioración e sobresaturación nas consultas e non nos imos a conformar se non se soluciona o problema. Estamos a falar de dar un bo servizo á nosa comunidade, non se trata do noso confort.

Equivócase tamén o noso xerente do Sergas ao tratar de enfrontarnos á cidadanía. As prolongacións de xornada laboral máis aló do horario habitual asumindo axendas interminables, son medidas puntuais, pero non a solución. Os pacientes apoiáronnos en Vigo e foi emotivo oír os seus aplausos ao paso da manifestación, unha mágoa que se lles castigue, que se nos castigue, con críticas. Compete á administración buscar fórmulas que dean servizo de calidade e que sexan sustentables económica e humanamente.

Por suposto que, sendo o noso primeiro compromiso as persoas ás que atendemos, tamén estamos comprometidos coa nosa administración sexa do signo político que sexa, en contribuír a mellorar o noso nivel asistencial. Pero non é menos certo que despois de tantos anos de reunións e propostas, denuncias e solucións, somos moi escépticos nos resultados. Van formar novos grupos de traballo e en primeiro lugar o formato elixido, un salón de actos, é máis propio para escoitar e debater que para traballar en propostas serias.

Tennos desencantado particularmente a comparecencia dos nosos xestores en sede parlamentaria. Desde unha economista experta en economía da saúde ata o xefe de servizo da Estrada, estiveron a anos luz das penosas comparecencias dos nosos xestores máis preocupados en botar balóns fóra, culpabilizando aos médicos, cando non a salvar a cara despois de tan nefasta xestión das súas competencias. Se iso é, como declarou o presidente Feijóo, Humildade, Xestión e Verdade, imos ter moi poucas posibilidades de conseguir nada coa nosa participación neses grupos de traballo dos que excluíron a quen considera que non seguen á fronte das súas responsabilidades e que son quen dimitiu. Pero pola nosa banda, faremos todo o que estea nas nosas mans, incluído o noso lexítimo dereito á crítica.