Porque a folga na Atención Primaria?

Por o 01/04/2019 | Sección: Sanidad,Sindicatos,Social
Porque a folga na Atención Primaria?

Mediante a presente convocatoria de FOLGA, as Organizacións Sindicais convocantes queremos poñer de manifesto diante da Administración Sanitaria e da opinión pública a nosa preocupación pola situación que se está a vivir no conxunto da Atención Primaria, e solicitamos que se abra un marco de negociación ca administración co obxectivo de conseguir unha Atención Primaria digna, cunha organización propia que poida xestionar o orzamento e os recursos humanos necesarios para facer o seu traballo en condición de dignidade tanto para os pacientes como para as e os profesionais, encamiñado a acadar un novo acordo sobre a mellora da Atención Primaria que inclúa a tódalas categorías.

Entre os puntos que consideramos irrenunciables, están:

1. Aumento progresivo do orzamento para a Atención Primaria, co obxectivo de acadar o 25% do orzamento total da sanidade pública (excluído o gasto farmacéutico) en 4 anos.

2. Modificación das actuais EOXIs creando unha Xerencia de Atención Primaria con capacidade de planificar e xestionar o orzamento e os recursos humanos propios, en pé de igualdade coa Atención Hospitalaria, recuperando as áreas sanitarias suprimidas.

3. Aumento de persoal: convocatoria inmediata de tódalas prazas necesarias en tódalas categorías, (tendo en conta vacantes e futuras xubilacións) non so estabilizando as actuais con contratos precarios, senón tamén incorporando novas prazas en función da análise de necesidades, co obxectivo de diminuír as ratios actuais de pacientes por profesional. Eliminar as limitacións da taxa de reposición.

4. Poñer fin á política de precariedade laboral de persoal, imprescindible para garantir a calidade da asistencia. Nesta liña esiximos modificar para mellorar o modelo de contrato acordado na mesa sectorial e denominado “Nomeamento Estatutario Eventual de Continuidade no ámbito do SERGAS”

5. Solucionar o actual conflito dos PACs, garantindo unha prestación asistencial segura e de calidade tanto para pacientes como para profesionais, apoiando as reivindicacións recollidas na súa convocatoria de folga.

Para negociar estes puntos, solicitamos que se abra unha Mesa de Diálogo pola Atención Primaria, na que estean presentes as sociedades científicas, asociacións profesionais e sindicatos, para elaborar un novo acordo sobre a Mellora da Atención Primaria.

Comentar noticia

Your email address will not be published.