O Portal de Transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia recibiu 118.802 visitas desde a súa apertura Escoitar

Presentáronse 745 solicitudes de acceso a información pública entre decembro de 2015 -data da entrada en vigor da normativa estatal- e xuño de 2017
Por o 16/08/2017 | Sección: Internet,Xunta de Galicia
O Portal de Transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia recibiu 118.802 visitas desde a súa apertura Escoitar
Compartir en:

O Portal de Transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia recibiu 118.802 visitas nas que foron consultadas preto de 600.000 páxinas, cun promedio de cinco páxinas por visita, desde a súa apertura o 7 de marzo de 2016. Nos accesos realizados contabilizáronse 69.867 visitantes distintos.

Desde a posta en funcionamento do Portal de Transparencia téñense desenvolvido novos contidos e diferentes melloras, tanto na estrutura como na forma de acceso aos contidos do mesmo. Entre os novos contidos cabe destacar aqueles que teñen como obxectivo o fomento da participación cidadá nas políticas públicas, como é a consulta pública previa, trámite que incide na participación da cidadanía no procedemento de elaboración de normas.

Información pública

Con respecto ás solicitudes de acceso á información pública, dende o 10 de decembro de 2015, data de entrada en vigor da lei estatal, ata o 30 de xuño de 2017, recibíronse 745 solicitudes. Foron 233 no ano 2016 e 512 nos seis primeiros meses de 2017, o que supón un incremento notable: 279 solicitudes máis no que vai de ano fronte ao total do ano pasado.

Por consellerías, a maior parte foron recibidas pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, 407 (54,7%), seguida pola Consellería do Mar 118 (15,9%), a Consellería de Cultura 69 (9,3%), a de Infraestruturas e Vivenda (42 (5,7%) e a de Sanidade 23 (3,1%).

Segundo a súa forma de presentación, 495 foron presentadas por medios electrónicos e 250 en papel. No ano 2016 presentáronse 88 por medios electrónicos e 145 en papel; e no primeiro semestre do ano 2017 un total de 407 por medios electrónicos e 105 en papel, o que mostra a boa acollida que ten entre a cidadanía o uso de medios telemáticos na súa relación coa Administración.

Do total de solicitudes, xa foron resoltas 687. Delas, 37 foron inadmitidas por resultar necesaria unha acción previa de reelaboración ou por referirse, por exemplo, a un órgano que non ten no seu poder a información solicitada e outras 9 foron resoltas con carácter desestimatorio tendo en conta o establecido ao respecto na Lei de transparencia.