A portavoz de En Marea no Congreso salienta que “tanto PP como PSOE converxen no fundamental”

Alexandra Fernández: “Hoxe demostrouse no debate do teito de gasto que PP e PSOE partillan o mesmo modelo económico”
Publicado por o día 20/10/2016 na sección de En Marea,Política,Vigo

A portavoz de En Marea no Congreso  salienta que “tanto PP como PSOE converxen no fundamental”

A portavoz de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, afirmou este mediodía após do debate e e votación da reforma da LOREG e do teito de gasto, que “hoxe ficou demostrado no debate de estabilidade orzamentaria que PP e PSOE partillan o mesmo modelo económico e social que lles levou a pactar a reforma do artigo 135 da Constitución”.

O Pleno do Congreso dos Deputados debateu as emendas presentadas ás proposicións de lei do PP de Estabilidade Orzamentaria e de modificación da LOREG, após de votar o pasado martes a súa admisión a trámite e o seu procedemente en leitura única. Hoxe tocaba a votación das emendas presentadas polos distintos grupos parlamentares e a votación global ás proposicións de lei por seren orgánicas.

Alexandra Fernández afirmou en relación ao debate do teito de gasto que “chegamos á hora da verdade. Chegamos ao cerne do modelo económico e social onde PP e PSOE converxen e evidencian que ambos partidos, a pesar das diferenzas epidérmicas comparten un mesmo vieiro, segundo o cal no seu momento lles levou a pactar a reforma do artigo 135 da Constitución”. Para a portavoz de En Marea o feito de que este mediodía votasen xuntos implica que “continuarán co sendeiro dos recortes”, ademáis de que fica claro que e a próxima semana  “investirán xuntos a Rajoy como Presidente do Goberno central”.

No que atinxe á LOREG, para a deputada de En Marea resulta evidente que “ambas formacións políticas partillaron a lóxica de blindar o bipartidismo fronte ao modelo de mellora da calidade democrática que require a reforma da lei eleitoral para lograr unha Cámara de representación máis real das vontades dos pobos”.

A portavoz de En marea criticou a tramitación exprés a LOREG, afirmando que “a chantaxe do PP coa ameaza de elecións o 25 de decembro, foi aproveitou para proceder a unha reforma  de trámite de urxencia dunha lei de tanta envergadura como é a lei eleitoral”. Esta reforma urxente “é produto da irresponsabilidade do PP cando intencionadamente cadrou o calendario para que a posibilidade dunhas elecións caesen o día de Nadal“.

Reprochou que se leven a cabo modificacións de leis de calado como a LOREG como “se fose un paseo”.
Aprofundando no relativo á lei orgánica de Estabilidade Orzamentaria, Alexandra Fernández expresou o desacordo de En Marea coas políticas de obsesión polo défice, “cuxa plasmación máis prexudicial foi outra das reformas exprés producidas nunha tarde de verán: a do artigo 135 da Constitución”. Afirmou que “PP e PSOE cumpriron cos mandatos da Troika e introduciron na Constitución o sacro principio de estabilidade orzamentaria, agrandando así o défice democrático existente”. Manifestou o desacordo “absoluto de En Marea con este tipo de políticas que van en contra das maiorías sociais, as principais prexudicadas.

Alexandra Fernández lembra as terríbeis consecuencias das políticas centradas no défice, “que impactaron gravemente sobre unha castigada poboación, sometida a uns recortes sociais e económicos que empioraron enormemente as súas vidas”. Salientou a merma do Estado de Benestar  pola aplicación das políticas de adelgazamento do gasto público, da restricción do gasto social. As  políticas “austericidas” supuxeron un ataque frontal  “ás CC.AA e á autonomía municipal.

Na votación global das dúas proposicións de lei, En Marea abstívose na votación da reforma da LOREG para acurtar a campaña e evitar posíbeis elecións o día de Nadal, e votou en contra dunha “Estabilidade Orzamentaria que segue o camiño do austericidio”.