Portos de Galicia lembra que a instalación de contenedores no peirao de Aldán é unha medida provisional e transitoria

Trátase de módulos móbiles, portátiles, polo que se podería cambiar a zona de instalación, algo que o ente público está a estudar en aras de acadar unha solución que satisfaga a todas as partes implicadas

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, visitou hoxe o peirao de Aldán, onde mantivo unha reunión con representantes da confraría de pescadores local para abordar a instalación de varios contedores no porto co obxectivo de dar servizo de almacenaxe aos profesionais do mar. A máxima responsable do ente público aproveitou para pedir calma a todas as partes e lembrou que se trata dunha solución provisional para dar resposta ás necesidades expostas polo sector.

Neste sentido, Susana Lenguas incidiu en que os contedores que está previsto colocar no peirao de Aldán son módulos móbiles, portátiles, polo que se podería cambiar a zona de instalación, algo que o ente público está a estudar en aras de acadar unha solución que satisfaga a todas as partes implicadas. Nese sentido, a presidenta de Portos de Galicia insistiu ademais en que o seu departamento busca fórmulas para eliminar o impacto visual que poden ter estes contedores e optimizar a súa integración na contorna.

O encontro mantido coa confraría dá continuidade ademais aos contactos mantidos desde o principio co sector para acadar unha solución consensuada e favorable a todos os afectados. Esta medida foi aplicada xa noutros portos, como poden ser os de Campelo e Pontedeume, onde se instalaron tamén a petición do sector e sempre co obxectivo de facilitar o traballo dos profesionais do mar.

Medida provisional

Cabe lembrar que a medida acordada entre a confraría de pescadores de Aldán e Portos de Galicia ten carácter provisional e transitorio co obxectivo de atallar os problemas derivados de que en 2015 non se puidese levar adiante o proxecto para a renovación da lonxa local. A proposta presentada pola Consellería do Mar chocou co inmobilismo do Concello de Cangas, o que provocou que o Executivo galego tivese que buscar alternativas para dar resposta ás necesidades expostas polos profesionais do mar para poder desenvolver a súa actividade con normalidade.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM