Posibles verteduras de terras contaminadas con lindano diante do colexio de Sanguiñeda

Despois de recibida por varias vías información sobre posibles verteduras de terras contaminadas con lindano diante do colexio de Sanguiñeda, membros da xestora da Plataforma Antilindano da Louriña decidimos recoller datos de primeira man. O pasado 4 de xaneiro mantivemos unha reunión con varias persoas que nos anos 90 formaban parte de ANPA do CEIP Mestre Valverde Mayo.
Por o 12/01/2018 | Sección: Plataforma Anti-lindano da Louriña,Social
Posibles verteduras de terras contaminadas con lindano diante do colexio de Sanguiñeda

Despois de recibida por varias vías información sobre posibles verteduras de terras contaminadas con lindano diante do colexio de Sanguiñeda, membros da xestora da Plataforma Antilindano da Louriña decidimos recoller datos de primeira man. O pasado 4 de xaneiro mantivemos unha reunión con varias persoas que nos anos 90 formaban parte de ANPA do CEIP Mestre Valverde Mayo.

Confirmaron que no ano 91/92 por mor das obras da autovía, á altura da actual “rotonda do Costilleta”, houbo un importante movemento de terras que foron transportadas en camións ata os terreos situados entre o colexio (aberto dende o 89) e o río Louro. Moitos nenos e nenas comezaron a presentar síntomas como dor de cabeza, vómitos e insuficiencia respiratoria. Consultouse co pediatra de entón (Dr.Pascual) e, incluso o señor Ballesta alcalde dalquela e tamén médico, recoñeceu que se trataba dunha intoxicación por exposición ao lindano.

A ANPA comezou a mobilizarse e conseguiu parar este aterramento. Retirouse parte do contaminado pero non a totalidade porque a recollida, entenden estas testemuñas, non foi proporcional ao acarrexe inicial. Comentaron que se sonou que finalmente esa terra con lindano foi levada a unha mina ou canteira e que se tapou a zona cunha capa superficial de terra limpa quedando aínda contaminación nas capas inferiores. O colexio estivo pechado varios días.

O máis chamativo foi escoitar dunha destas testemuñas que xa nesa zona as verteduras viñan de vello e que ata a discoteca Queen está sobre terreo contaminado. Desgrazadamente non só se nos fala desta localización, senón de toda a contorna da rotonda do Costilleta, incluíndo coñecidas áreas comerciais sobre as que hoxe se erguen supermecados. A desfeita ten dimensións alarmantes xa que se sinala tamén toda a subida dende a rontonda do Cristo de Belén pola estrada de Gondomar, lindando co recinto de Biofabri e Syngenta. Mesmo o terero das propias fábricas ten restos que non deberan estar alí porque, se non se manteñen baixo estritas condicións de seguridade, poden estar a contaminar os acuíferos.

Tamén recibimos información sobre posible afección da estrada de acceso á urbanización San Rafael en Pereiras. Ligando estas declaracións co informe da Consellería de Medio Ambiente “Zonas de actuación dentro del marco de la investigación de suelos contaminados por residuos de lindano en el polígono de Torneiros – O Porriño (Pontevedra)” de 29 de outubro de 1999, fala dunha zona referida como “emplazamiento industrial nº 2”, daquela ocupado por ZENECA AGRO e ZENECA FARMA. Hoxe estamos a falar dos terreos de SYNGENTA e BIOFABRI e que entón foron cualificadas como a zona estudar nun futuro. Hoxe, 19 anos despois, e mesmo con informes da Confederación Hidrográfica Miño-Sil que sinalan presenza de lindano no río Louro, a Consellería de
Medio Ambiente segue mantendo o tema enterrado. Mentres, a pouco que se fale coa veciñanza, comprobamos que a contaminación de toda a contorna é asunto de dominio público e como se lembra con facilidade a imaxe de carros de bois espallando o “caolín”.

Esiximos que se faga un estudo en profundidade, con un amplo mostrario de catas. Polo comunicado de onte do Concello de Mos enténdese que se basean en que o lindano non existe e que as súas accións ao respecto pasarán por un mero trámite para declarar a zona non contaminada. Precisamos dun traballo de diagnose co máximo rigor. Hai sobradas testemuñas de grandes verteduras nas zonas sinaladas e hai que localizar e encontrar o veleno para acadar unha descontaminación total. Isto pasa tamén pola recollida de información polo miúdo, porta a porta, casa a casa, porfiando do mesmo xeito que cando van buscar o voto.

Por todo isto, reclamamos a actuación inmediata das institucións non só no Porriño senón tamén en Mos, tanto Concello como Consellerías de Medio Ambiente e Sanidade, para un urxente e axeitado diagnóstico dunha situación que non podemos aturar por máis tempo. Esiximos un plan de actuación integral no que, ademáis das medidas de descontaminación, se inclúa un estudo e seguemento da incidencia do lindano e outros pesticidas producidos nestas factorías sobre a saúde das persoas expostas.

Tamén solicitamos ao Concello de Mos que elabore un protocolo de actuación para as obras públicas nas que se detecten verteduras de Lindano nos desterros. Namentras non estea en vigor dito protocolo alomenos se estabreza algún tipo de inspección xa que por exemplo hai sobradas testemuñas de verteduras de dito veleno na rotonda do Costilleta onde están proxectadas unhas obras de remodelación.
Con relación ao goberno autonómico, que o señor Feijoo diga que non se oculta información amosa a súa total falta de respecto á cidadanía. Levamos máis de 50 anos de envelenamento, con informes da Confederación Hidrográfica sobre un río Louro contaminado que non se fixeron públicos. A mesma Valedora do Pobo ven de recriminar á Consellería de Sanidade e á Consellería de Mediambiente por non entregarlle a documentación solicitada. Se pensa o Presidente da Xunta que con esta estratexia nos vai calar, desacreditar, cansar ou afundir, está moi engañado. Xa
contabamos con este tipo de manobras.

Facemos un chamado aos gobernantes para adiquen os seus esforzos a erradicar a contaminación, en vez de a minusvalorar o problema e atacar a quenes tentamos rematar con esta herdanza envelenada.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.