Posición de XSG-Vigo sobre o peche da escola pública de Zamáns

A Xunta vaise de Zamáns
Publicado por o día 12/09/2019 na sección de Galicia,Política,PSOE,Vigo

Posición de XSG-Vigo sobre o peche da escola pública de Zamáns

Aínda hoxe seguimos en débeda con toda esa emigración galega que, desprovistos das nocións básicas de ler e escribir, deixaron a súa aldea, “amigos por estraños” e “a veiga polo mar” na procura dun futuro mellor na súas vidas, mais cando chegaron, agrupándose polos seus lugares de procedencia, tamén ollaron polo futuro dos que en Galicia se atopaban, destinando unha gran parte
do seu esforzo a sufragar o custe de escolas, fontes, lavadoiros… naquela Galicia rural carente de todo servicio básico e inexistente para o poder político da época. A súa é unha aportación básica e fundamental na construción da rede de escolas rurais de Galicia. Grazas a eles paliouse un problema histórico de fondas raíces.

En setembro de 2016 Núñez Feijóo comprometeuse a que a seguinte lexislatura sería “a do rural”, afirmando que este “está no ADN de Galicia porque é a forma de vida que levamos dentro os galegos”. Agora que chegamos ó ocaso da súa lexislatura, tres anos despois, no mesmo mes de setembro, asistimos ó peche da escola de Educación Infantil da viguesa parroquia de Zamáns tras
80 anos de historia.

Todo un símbolo de como o rural esmorece, incluso cando ese rural se atopa a escasa distancia do centro urbano mais grande de Galicia. A Xunta pecha esta escola, un servizo básico para a conciliación familiar, sen ofrecer alternativas na parroquia a pesares de ser este o único servizo público que prestaba na parroquia máis rural de Vigo. Pechada a escola, a Xunta xa non está en Zamáns. O caso de Zamáns tan so é a punta do Iceberg que asoma ata Vigo dende outras localidades como Carnota, Cuntis, Mugardos e Sada en idéntica situación. O “cambio de cromos” na delegación da Xunta de Galicia en Vigo non oculta o fracaso da administración Feijóo en Vigo e Galicia que sen unha aposta clara e definitiva pola ensinanza pública vai sementando un regueiro de escolas fechadas pola xeografía galega. En Zamáns o curso escolar non comezará este setembro. Na man de Galicia está que Feijóo comece ou non o seu seguinte curso político.