Posicionamento de Anova-Vigo Mos respecto a mobilización convocada para mañá pola Asemblea Aberta de Coia

Por o 15/01/2015 | Sección: Anova,Política
Posicionamento de Anova-Vigo Mos respecto a mobilización convocada para mañá pola Asemblea Aberta de Coia
Compartir en:
Este venres día 16 de xaneiro, ás 20:00 h, con saída dende a Praza de América e remate na rotonda de Coia, o colectivo cidadán Asemblea Aberta de Coia convoca unha manifestación en protesta pola colocación do barco Bernardo Alfageme na rotonda do Alcampo.

Este barco histórico foi cedido ao Concello para usos exclusivamente culturais e coa súa colocación na rotonda quedará desprovisto de toda utilidade práctica.

En dous plenos diferentes (novembro e decembro de 2014), e sempre por maioría, as/os representantes da cidadanía votaron en contra desta decisión. Porén, Abel Caballero está a usar a Xunta de Goberno para tomar decisións unilaterais dunha forma totalmente antidemocrática, usando os cartos de todas na súa precampaña electoral.

Os colectivos cidadáns integrados na Asemblea Aberta de Coia levan anos traballando a prol dos mais desfavorecidos do barrio de Coia e de toda a cidade, denunciando as graves inxustizas que comete o Concello de Vigo no campo das políticas sociais como cando denega axudas de emerxencia, incumpre a ratio legal de traballadoras sociais por habitante e trata de ocultar a masiva bolsa de pobreza que crece día a día na nosa cidade con medidas como o peche do local de Sereos.

O barco non é nin mais nin menos que un símbolo. O símbolo do Vigo que non queremos o símbolo dunhas políticas que esquecen á cidadanía e poñen medidas estéticas moi discutibles por diante das necesidades da xente.

Por estes motivos, Anova Vigo apoia a mobilización deste venres e invita as/os cidadáns a mostrar o seu rexeitamento a que os cartos, non do barrio de Coia senón de toda a cidade, sexan empregados dun xeito inhumano.

PRENSA ANOVA