Posicionamiento de Podemos Galicia ante o plenario de En Marea

Publicado por o día 13/07/2017 na sección de Galicia,Podemos,Política

Posicionamiento de Podemos Galicia ante o plenario de En Marea

Podemos Galicia, ante a celebración o próximo sábado 15 de xullo do Plenario de En Marea, quer comunicar que non acudirá a esa convocatoria; polo que fan público o seguinte posicionamento, reiterando os argumentos polos que non participan na construcción de En Marea como partido político.

No pasado mes de agosto, cara decidir o xeito en que PODEMOS ía concorrer ás eleccións autonómicas galegas do 25S, todas nós fomos chamadas a participar nunha Asemblea Cidadá Galega na que unha ampla maioría, superior ao 75% dos votantes, apostou pola alianza con outras forzas do cambio.

Asumimos facelo nunha ferramenta estrictamente electoral, onde se participaba de xeito individual para dar cabida a unha marioría social que necesitaba dun vehículo común no que nos puxeramos dacordo para sumar forzas e desaloxar ao PP da Xunta.

Foi por ese irrenunciable obxectivo de priorizar a limpeza das institucións e devolverllas á cidadanía, que renunciamos ás nosas siglas e asumimos aceptar a fórmula xurídica coa que finalmente nos presentamos a eses comicios: En Marea.

Naquela coxuntura, a fórmula xurídica non podía ser un impedimento ante a posibilidade real dun cambio político en Galicia. Por iso, finalmente, Podemos Galicia sumouse á dita fórmula, ao partido instrumental En Marea como un espazo de confluencia e de traballo cun mesmo programa e metodoloxía, espíritu rupturista e firme convinción da defensa do ben común durante os catro anos de lexislatura. Así, baixo esta premisa decidimos sumar as nosas forzas e animamos aos nosos inscritos e inscritas a facer un esforzo e demostración de xenerosidade e altura de miras para participar en dito espazo.

Agora ben, de todas nós é ben sabido que aquela EN MAREA, á que nos adherimos como un espazo de unidade de adscripción individual, que daba cabida a distintitassensibilidades, para presentarnos ás eleccións, continou a súa propia folla de ruta de cara a constituirse en partido, máis alá de ferramenta puntual electoral e institucional. Un paso, quizá, lexítimo, pero ante o que nós sempre dixemos que non nos diluiríamos.

En base ao contexto descrito, reiteramos, cara ao plenario que EN MAREA, como partido coa súa propia estructura organizativa, ten previsto celebrar o vindeiro 15 de xullo, que o posicionamento político de Podemos sobre se ha participar e en calidade de qué é claro e coherente co dito contexto.

A resposta a tal cuestión non varía respecto do que mantivemos dende os primeiros pasos da constitución de EN MAREA hai agora un ano: asumiamos o espazo como ferramenta electoral e institucional, insistimos, pero non como formación política á que sumarnos diluindo nela os nosos principio éticos, o noso proceder radicalmente democrático na elección dos nosos representantes e o noso compromiso cun un Estado plurinacional e fraterno.

Para nós, a unidade si é necesaria, é o único xeito de conseguir o cambio político neste país, pero ten que vir da man dun programa e metodoloxía consensuados, sumando forzas amigas e aliadas; non pode ser un fin en si mesmo para construir unha nova organización política galega, un novo partido “stricto senso” no seu modelo, participación restrinxida e liñas políticas que non sempre responden á renovación e radicalidade democrática que a sociedade galega reclama.

Tendo en conta as anteriores consideracións e desde o respecto que nos merecen todas as formacións políticas afíns a PODEMOS, entre elas EN MAREA, o noso partido non é quen de participar como tal nun plenario doutra formación que, ademais, pretende ostentar baixo a forma de partido único a representación política e social do cambio, malia que compartamos intereses e obxectivos comúns, como estamos a demostrar no exercicio das nosas funcións no grupo parlamentar.

O anterior non impide que aquelas persoas membros de PODEMOS que teñan a ben participar en dito plenario o poidan facer a título individual, pois non podemos deixar de ter en conta que, froito daquela EN MAREA, á que nos sumamos como mero instrumento electoral para tentar desaloxar ao PP da Xunta de Galicia, contamos a día de hoxe cun Grupo Parlamentar, cuxos membros –desde as diferentes organizacións que o integran- seguen traballando por traer o cambio a Galicia.

Por último, dicir que a rendición de contas deste traballo, debémoslla aos nosos inscritos e inscritas e aos votantes de En Marea, como ese espazo que deu cabida a distintas sensibilidades unidas nun obxectivo común: botar ao PP. Non temos ningunha obriga, por tanto, con En Marea-Partido, como non a temos con ningunha das outras formacións coas que participamos no dito espazo dende o que traballamos por conseguir ese necesario cambio e ruptura de réxime que Galicia tamén precisa.