Povisa acolle unha xornada formativa sobre agresións a profesionais sanitarios

Desde a implantación do botón do pánico en Povisa o pasado ano, as agresións ao persoal do hospital reducíronse a cero
Publicado por o día 22/10/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

Povisa acolle unha xornada formativa sobre agresións a profesionais sanitarios

Povisa acolleu hoxe unha xornada formativa organizada polo Interlocutor Policial Sanitario de Vigo (Casto García, Inspector Xefe da Unidade Territorial de Seguridade Privada da comisaría da Policía Nacional de Vigo) e dirixida ao persoal sanitario de hospitais, centros de saúde e clínicas de Vigo e outras localidades da provincia. O obxectivo da formación é que os sanitarios coñezan as medidas recomendadas pola Policía Nacional para facer fronte ás posibles agresións que poidan sufrir no centro médico durante o desenvolvemento da súa actividade diaria.

Neste encontro, no que participou tamén o Interlocutor Policial Nacional, Javier Galván, e Manuel Tornos, director de Seguridade de Povisa, os máis de medio centenar de asistentes coñeceron as ferramentas de contención verbal e escoita activa, recomendadas ante posibles situacións de agresividade. A formación incluíu actividades para poñer en práctica estas ferramentas.

En Povisa, desde a implantación o pasado ano dun sistema de alertas ante ameazas ou agresións non se rexistrou ningunha incidencia que derivase en danos físicos aos profesionais sanitarios -coñecido coloquialmente como botón de pánico, implantouse en maio de 2018 en máis de mil ordenadores do hospital-. Nos tres anos anteriores á posta en marcha do botón do pánico, a cifra de agresións rexistrada en Povisa era de 33, das cales só dúas foron físicas. De todas elas, só 16 necesitaron da intervención das forzas de seguridade.

En 2017 o Ministerio de Interior creou a figura do Interlocutor Policial Sanitario, encargado de coordinar todas as actuacións para previr agresións ao persoal sanitario ante calquera manifestación de violencia ou intimidación por parte de pacientes ou familiares. O pasado ano rexistráronse en España 193 agresións, segundo datos da Organización Médica Colexial (OMC), unha cifra moi inferior ás 515 agresións rexistradas en 2017.

Comentar noticia

Your email address will not be published.