Povisa consolídase como o hospital galego con maior reputación

É o único de Galicia entre os 20 mellores hospitais de España
Publicado por o día 18/12/2017 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

Povisa consolídase como o hospital galego con maior reputación

Povisa é o único hospital de Galicia situado no Top 20 de centros hospitalarios españois, segundo os datos do último Monitor de Reputación Sanitaria, o instrumento de referencia en España para medir a valoración reputacional no ámbito da saúde, e que acaba de facer públicos os seus datos.

En concreto, Povisa ocupa o posto décimo sexto no ránking 2017 de hospitais privados, por encima de hospitais de referencia como o Hospital Ruber Internacional de Madrid ou o Hospital Quirónsalud de Barcelona. Ademais, no ránking de especialidades médicas, a área de Radiodiagnóstico de Povisa alcanza o noveno lugar, por encima de centros de recoñecido prestixio como o Hospital Clínico San Carlos ou o Centro Médico Teknon.

En relación aos centros sanitarios galegos, o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), Vigo (CHUVI) ou de Santiago (CHUS) sitúanse en vixésimo cuarto, trixésimo e quincuaxésimo terceiro lugar, respectivamente, e dentro do ránking dos 75 mellores hospitais públicos de España.

A metodoloxía deste ranking, elaborado polo Monitor Empresarial de Reputación Corporativa – MERCO- foi revisada por KPMG e analiza múltiples fontes de opinión, como usuarios, asociacións de consumidores e pacientes, xornalistas especializados, profesores universitarios, influencers ou sindicatos. Para a elaboración do último monitor realizáronse máis de 5.200 enquisas e analizáronse máis de 1.000 indicadores para medir a calidade e rendemento da xestión hospitalaria no noso país, ademais de enquisas a xerentes e directivos de hospitais, médicos, enfermeiros, responsables de farmacia hospitalaria.

.Povisa pertence ao grupo galego Nosa Terra. Os seus máis de 40.000 m2, 573 camas instaladas e case 1.500 traballadores convérteno no centro hospitalario privado máis grande de España. No ámbito público, atende a pacientes de distintas áreas de Vigo, Morrazo e Val Miñor, e é referencia para o Sur de Galicia nos servizos de Cirurxía Complexa do Membro Superior, Cirurxía do Nervio Periférico, Cirurxía Maxilofacial, Queimados, Cirurxía Plástica Infantil e Litotricia (esta última só para a área de Vigo). Conta, ademais, cun servizo de urxencias as 24 horas con todas as especialidades, os máis modernos sistemas de organización e diagnóstico e as certificacións máis prestixiosas, entre elas a Joint Commision International.