Povisa reduce nun 35% o consumo de auga a través do plan de eficiencia enerxética

As melloras, que comezaron a implantarse en 2015, incluíron a renovación da caldeira de vapor e a distribución de luces LED, billas e cisternas sustentables
Publicado por o día 16/11/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

Povisa reduce nun 35% o consumo de auga a través do plan de eficiencia enerxética

Povisa implantou un plan de eficiencia enerxética nas instalacións do hospital que permitiu reducir, entre outros, o consumo de auga nun 35 por cento. Este plan, que comezou a desenvolverse en 2015, ten como reto diminuír o impacto ambiental cun menor consumo e un tratamento máis eficiente os recursos enerxéticos, fundamentalmente a auga, a enerxía eléctrica e o gas natural.
 
Con respecto á auga, a actuación máis importante levada a cabo pola dirección técnica foi a substitución dos dous antigos equipos de frío instalados na cuberta do hospital por un innovador equipo de alta eficiencia. Operativo desde finais de 2017, permitiu alcanzar un aforro de auga próxima ao 25 por cento, ademais de ser unha tecnoloxía respectuosa co medio ambiente que recorta significativamente as emisións. A iso habería que sumarlle o 10% de eficiencia no consumo de auga coa substitución das billas e cisternas do hospital por uns mecanismos temporizados e de caudal reducido.
 
O novo equipo de frío tamén optimiza a factura eléctrica, cunha redución anual do 7 por cento en todo o hospital, unha porcentaxe que alcanza o 15 por cento a través doutras medidas como a instalación progresiva de iluminación LED -xa completada no 70% do hospital e no 100% das zonas comúns- ou a modernización dos montacargas.
 
O consumo de gas natural, pola súa banda, reduciuse nun 30 por cento no últimos catro anos. Para iso, unha das dúas actuacións que se levaron a cabo foi a substitución da caldeira de vapor por unha de maior rendemento e menor capacidade adecuada ao consumo actual do hospital. Tamén se renovou, coa axuda do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), o sistema de xeración e distribución de auga quente sanitaria e calefacción (ACS).
 
O obxectivo do plan de sustentabilidade ambiental e eficiencia enerxética para 2024 é reducir á metade o consumo de auga respecto a 2015 e diminuír nun 30 e 35 por cento, respectivamente, o de electricidade e gas natural.