O Grupo Popular afirma que os orzamentos da Xunta permitirán a recuperación das contas públicas

Publicado por o día 20/10/2015 na sección de Partido Popular,Política

O Grupo Popular afirma que os orzamentos da Xunta permitirán a recuperación das contas públicas

O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana dúas proposicións non de lei: unha para incluír o servizo de ‘Vitrasa’ en Vigo no transporte metropolitano e outra para que a Xunta mellore a cobertura poboacional da vacinación da gripe

“Non entendemos que, co 85% dos asuntos que se debaterán no Pleno, a oposición chegue a acusar a este Parlamento de ser unha mera oficina de trámite”, apuntou. 

 A viceportavoz do Grupo Popular, Marta Rodríguez Arias, afirmou hoxe que os orzamentos da Xunta para 2016 “van permitir que a recuperación das contas públicas se traslade en medidas para que as persoas que aínda están sufrindo os efectos da crise poidan estar mellor”. En concreto, salientou entre as medidas incluídas nos presupostos a rebaixa fiscal, o plan de loita contra a desigualdade e o incremento do gasto social e criticou que a oposición “estea a criticar os orzamentos cando din que aínda non os teñen estudado”.

Ao remate da Xunta de Portavoces, Marta Rodríguez informou que a orde do día da sesión plenaria da vindeira semana inclúe 22 iniciativas da oposición fronte a só catro do Grupo Popular e unha comparecencia do conselleiro de Educación. “Non entendemos que, co 85 por cento dos asuntos que se debaterán no Pleno, a oposición chegue a acusar a este Parlamento de ser unha mera oficina de trámite”, apuntou.

En concreto, o Grupo Popular defenderá na sesión plenaria dúas proposicións non de lei. Unha primeira, sobre a reanudación das negociacións entre a Xunta e o Concello de Vigo para incluír o transporte urbano Vitrasa dentro dos servizos do Plan de Transporte Metropolitano; e a segunda para que a Xunta aumente os esforzos para mellorar a cobertura poboacional con respecto á vacinación da gripe.

Ademais, os deputados populares preguntarán ao Goberno galego sobre a evolución dos datos turísticos en Galicia ao longo de 2015 e sobre as previsións para a licitación do proxecto construtivo de conexión do polígono industrial de San Cibrao das Viñas coa autovía A-52.

MENOS IMPOSTOS E MÁIS AXUDAS

Respecto dos presupostos da Xunta para 2016, Marta Rodríguez salientou o incremento de 365 millóns de euros respecto do pasado ano e afirmou que “se poden resumir en menos impostos e máis axudas para as persoas que máis o precisan”.

A viceportavoz fixo referencia a que os presupostos incorporan “a rebaixa fiscal máis importante da historia da autonomía de Galicia”, na que se inclúe “unha redución do IRPF que vai beneficiar ao 98,5 por cento dos contribuíntes, cun aforro de ata 380 euros ao ano para o contribuínte; a eliminación do imposto de sucesións e doazóns ao 99 por cento dos galegos; e o programa de impostos cero para o rural.

Así mesmo, destacou o plan de loita contra a desigualdade, dotado con máis de 20 millóns de euro e que inclúe un bono de gardería para que as familias poidan levar aos seus fillos a unha escola infantil; o bono de coidador no rural, naquelas zonas onde non existen escolas infantís; ou a tarxeta familiar de 100 euros por fillo para os gastos imprescindibles dos menores.

Rodríguez Arias tamén apuntou as medidas dirixidas ao Impulso económico e á redución do paro, así como o incremento de 282 millóns de euros en gasto social, co obxectivo de que “a recuperación das contas públicas se traslade ás persoas que aínda están sufrindo os efectos da crise”.

COMPROMETERSE CO PARLAMENTO

Respecto das críticas por parte do portavoz de AGE sobre a tramitación parlamentaria dos orzamentos, Marta Rodríguez sinalou que “algún deputado debería comprometerse un pouquiño mais co traballo deste Parlamento e estudar máis os asuntos que se tratan”.

Neste sentido, informou que o Grupo Popular solicitou na Xunta de Portavoces o inicio do procedemento para que os deputados fixeran pública a súa declaración de bens, que agora é obrigatoria logo da reforma do Regulamento do Parlamento, pero esta proposta “tivo que retirarse da orde do día porque o señor Beiras alegou que non tivo tempo de estudar un documento de tres páxinas”.

PRENSA GRUPO POPULAR GALICIA