O PP alíase coa Fundación Francisco Franco para garantir que manteñan a concesión das visitas do Pazo de Meirás

O viceportavoz de EN Marea no Parlamento, Antón Sánchez, lamentou na Deputación permanente desta mañá que o PP, unha vez máis, dea ás costas a memoria democrática para colocarse unha vez máis do lado dos verdugos e contra ás vítimas.
Publicado por o día 29/08/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política

O PP alíase coa Fundación Francisco Franco para garantir que manteñan a concesión das visitas do Pazo de Meirás

O Partido Popular volveu a poñerse do lado do franquismo aliándose coa Fundación Francisco Franco para garantir a súa continuidade na xestión das visitas ao Pazo de Meirás. Na deputación permanente desta mañá todos os partidos da oposición pediron a celebración dun pleno extraordinario para tratar entre outros temas a necesidade de que a Xunta de Galicia actúe contra esta fundación despois de ter manifestado a súa intención de aproveitar as visitas para poñer en valor “as grandezas do ditador”, é dicir, apoloxía do franquismo. O grupo popular no Parlamento insiste na postura adoptada xa con anterioridade polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o seu equipo de goberno que optaron por botar balóns fora alegando que non podían facer nada para acabar coa concesión das visitas a esta Fundación.

O viceportavoz de En Marea no Parlamento, Antón Sánchez, lamentou que o PP continúe a empregar escusas e argumentos irreais para tratar de agochar a realidade que non é outra que a súa defensa e simpatía pola Fundación Francisco Franco e o que esta representa. “Danlle ás costas á memoria democrática e colócanse unha vez máis do lado dos verdugos e contra ás vítimas” recriminou Sánchez aos deputados e deputadas do PP presentes na deputación permanente. Así mesmo, volveu a insistir na necesidade de acabar cunha inxustiza histórica como é a devolución do Pazo á cidadanía, “unha propiedade do pobo que lle foi roubada con violencia e a punta de pistola”. Pese a que o portavoz do grupo popular, Pedro Puy, na súa intervención dixo coincidir coa necesidade de que isto tivera lugar, á hora de votar deixou en evidencia unha vez máis a súa actitude hipócrita votando non a levar este tema ao pleno. A mesma actitude que demostrou o grupo popular no Concello de Sada ao absterse na votación da iniciativa na que se pedía a devolución do Pazo de Meirás ao pobo.

Na deputación permanente de hoxe outro dos temas que se pretendía incluír na celebración dun pleno extraordinario é a transferencia da AP9 e a aldraxe protagonizada polo Goberno central do PP saltándose a vontade dos galegos e galegas e a unanimidade de todo o Parlemento de Galicia ante o silencio e a submisión de Alberto Núñez Feijóo. O viceportavoz de En Marea lamentou que Feijóo non aproveitara a visita do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, a Cotobade esta pasada fin de semana para reclamar os traspaso da AP9 defendendo como tería que ser a súa obriga os intereses de Galicia. Fronte a isto, optou unha vez polo silencio e polos discursos propagandísticos propios do Partido Popular.