O PP asegura que o SERGAS dispón de financiamento para a licitación do centro de saúde de Cangas

O portavoz de Sanidade indicou que o Sergas traballará nos vindeiros meses para definir, conforme ás necesidades asistenciais, os requirimentos deste novo centro sanitario.
Por o 22/12/2016 | Sección: Cangas,Galicia,Partido Popular,Política,Sanidad,Vigo
O PP asegura que o SERGAS dispón de financiamento para a licitación do centro de saúde de Cangas
Compartir en:

O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, asegurou hoxe que “coa partida xenérica do Sergas para centros de saúde poderase facer fronte ao custo que suporía a licitación do proxecto do novo centro de saúde de Cangas”.

Neste sentido, sinalou que “o Sergas traballará nos vindeiros meses para definir, conforme ás necesidades asistenciais do concello de Cangas, os requirimentos deste novo centro de saúde e no momento que haxa acordo entre todas as partes procederase á licitación do proxecto definitivo para poder comezar a construción do novo centro de saúde”.

Aurelio Núñez considerou “aconsellable unificar nun centro de saúde equidistante os servizos que se prestan no centro de saúde de Aldán e o consultorio de Hío, cunhas instalacións máis tecnificadas e actualizadas, e cunha mellor cobertura de persoal ao unificarse nunha única edificación”.

DISCREPANCIAS COS TERREOS

Porén, lembrou que “os terreos proporcionados en O Viso están a xerar discrepancias entre os veciños”, pero indicou que o Sergas procederá a definir o proxecto do novo centro que atenda as necesidades asistencias do concello de Cangas. “No momento que haxa acordo entre todas as partes, procederase á licitación do proxecto definitivo”, apuntou.

Aurelio Núñez concretou que na actualidade 64 profesionais atenden aos veciños de Cangas, tanto no centro de saúde da capital municipal como no de Aldán e no consultorio de Hío. “Préstase todo tipo de servizos, incluída saúde mental, radiodianóstico con teleradioloxía, odontoloxía e fisioterapia, ademais de consultas de especialidades en xinecoloxía e oftalmoloxía”, sinalou.