O PP bloquea en solitario a comisión de investigación de Angrois solicitada por En Marea

Publicado por o día 29/03/2016 na sección de En Marea,Política

O PP bloquea en solitario a comisión de investigación de Angrois solicitada por En Marea

O PP bloqueou esta mañá en solitario na Xunta de Portavoces do Congreso dos Deputados a proposta de En Marea de abrir unha comisión de investigación que aclare as causas do accidente de tren de Angrois, rexistrada na Cámara baixa xunto ao Grupo Parlamentario Mixto o pasado 10 de febreiro.

Logo das quince mil sinaturas presentadas en febreiro de 2015 perante o Congreso, para En Marea “resulta intolerable que nun momento histórico onde a esixencia cidadá é maior con respecto ás responsabilidades políticas, esta sexa burlada nun tema de tanta importancia”.

No texto da iniciativa En Marea apelaba a esta responsabilidade sinalando que “se a comisión de intvestigación non se constitúe neste novo tempo estarase reprimindo un anhelo de verdade, de reparación e xustiza que é lexitimo para a familia das vítimas e para a sociedade no seu conxunto. Este novo Congreso ten que ser receptivo a unha demanda que non prexulga nada pero que abre a porta a sabelo todo.”

As deputadas e deputados de En Marea seguirán traballando dende o Congreso e insistindo na creación da comisión de investigación para depurar as responsabilidades dun accidente que acabou coa vida de 81 persoas e deixou a 147 feridas de diversa consideración.

PRENSA EN MAREA