O PP en contra da Lei Galega de Memoria Histórica para facer xustiza ás vítimas da Ditadura

Luís Bará defendeu hoxe no pleno do Parlamento unha Lei Galega de Memoria Histórica que resarza ás vítimas da ditadura franquista
Por o 23/03/2017 | Sección: BNG,Galicia,Política,Vigo
O PP en contra da Lei Galega de Memoria Histórica para facer xustiza ás vítimas da Ditadura

O parlamentario do BNG, Luís Bará defendeu  hoxe a proposición non de lei para instar ao goberno galego a desenvolver unha “política pública sobre a memoria histórica”, fundamentada nos Dereitos humanos, a Verdade, a Xustiza e a reparación das vítimas do franquismo en Galiza.

En resposta ao portavoz  popular Aurelio Centeno, Luís Bará manifestou que “ninguén fala de revancha nin de rancor, falamos de xustiza, da verdade e de  reparación”. De dereitos fundamentais recollidos no informe da ONU de dereitos humanos. Con respecto a transición política á que fixo referencia o deputado do Partido popular, o nacionalista asegurou que moitos militantes comunistas e socialistas cualificárona  de “traizón” feita baixo imposición dos “tanques e das baionetas” e baixo un estado de medo.

Para o parlamentario, a actual Lei de Memoria Histórica “é insuficiente” e non resolveu a reparación, as sentenzas e a  Lei de Amnistía  deixou de investigar crimes a pesar dos acordos internacionais. “Parécenos unha infamia e ofensivo para a memoria das vítimas que o PP sega desobedecendo a organismos internacionais e mesmo o informe relator dos dereitos humanos da ONU” así como as demandas das asociacións que reivindican rescatar a verdade, a xustiza e a reparación das vítimas do franquismo.

Bará  defendeu  non ter que pisar “unha terra chea de cadáveres, persoas desaparecidas,  mulleres e homes soterrados en fosas comúns” e tampouco queremos, recalcou ser “cómplices do xenocidio franquista” , do terror fascista e da súa sombra “noxenta” que desgraciadamente aínda permanece “aquí e entre nós”.

A lei galega proposta polo BNG busca   “completar, ampliar e  mellorar a Lei estatal” do ano 2007,  crear  unha comisión da Verdade, “plural, independente e de carácter oficial”  que recupere ás vítimas  que non aparecen nos rexistros oficiais, unha oficina de vítimas do franquismo que reactive o proxecto “Nomes e Voces” desmantelado polo Goberno de Feijóo e que sexa creado tamén  o Arquivo da Memoria Histórica de Galiza como centro público de investigación e divulgación con todo o material recompilado e que na actualidade fica “nun almacén”. Bará fixo fincapé na necesidade de estudar a  “memoria oral” referida á  violencia contra as mulleres, da que dixo, permanece “ausente nos rexistros e documentos”.

O parlamentario reivindicou declarar a Illa de San Simón, “Illa a da Memoria”  e  espazo central da loita pola memoria histórica democrática. Derrogar a lei de amnistía de 1997 por ser un obstáculo para abrir investigacións e procedementos penais contra violacións graves dos dereitos humanos. Instar ao goberno do Estado a reformar a Lei Orgánica do Estatuto da Vítima do Delito para incluír nela ás vítimas da represión franquista. Elaborar o Mapa da Memoria, iniciativa tamén eliminada polo Parido popular,  e facer cumprir a lei no relativo á retirada de todo tipo de simbolismo franquista en rúas e monumentos así como “suprimir títulos honoríficos e recoñecementos a persoas vencelladas á Ditadura”.