PP e Nigrán Decide bloquean a modificación das Normas Subsidiarias do planteamento que favorecía aspectos como as rehabilitacións no rural

Publicado por o día 23/03/2018 na sección de Galicia,Nigrán

PP e Nigrán Decide bloquean a modificación das Normas Subsidiarias do planteamento que favorecía aspectos como as rehabilitacións no rural

O voto en contra de Nigrán Decide e a abstención do Partido Popular no pleno de onte impediu a modificación número 25 das Normas Subsidiarias que rexen o planeamento de Nigrán dende 1991, cuestión que require de maioría absoluta para saír adiante e que legalmente non se pode volver a levar a pleno.

Esta proposta exclusivamente técnica para adaptar ás NNSS á actual Lei do Solo contaba con tódolos informes sectoriais favorables e permitía rebaixar as restricións aos veciños en aspectos como ampliacións ata un 50% en núcleos rurais, reducir os retranqueos ou relaxar as condicións estéticas. A realidade é que no substantivo, o corpo das NNSS mantívose vixente en Nigrán ao longo de case 30 anos e, polo tanto, ao marxe da constante evolución do marco normativo, identificando os técnicos municipais disfuncións que dificultan obxectivos como a rexeneración e renovación urbana ou rehabilitación e eficiencia enerxética. “Era unha cuestión que, mentres non se aproba o PXOM, ía permitir aos veciños do rural cuestións tan importantes como ampliar a súa vivenda en caso de necesidade ou facer unha nova división interna da casa, así que a cidadanía é a directamente prexudicada desta votación, especialmente os que teñen unha vivenda anterior a 1975, cando non existía a Licenza de Ocupación”, explica o edil de Urbanismo, quen non entende “o cambio repentino de postura do PP que, ata agora, nas diferentes comisións amosábase favorable á modificación”.

No debate plenario, o goberno de Nigrán anunciou a corporación que levará ao pleno de abril a proposta de cesión do PXOM, cuestión que, de non aprobarse, significaría anos de retraso para a tramitación e posterior aprobación. “Agardamos que a oposición exerza o seu papel de xeito responsable e non electoralista porque, do contrario, o PXOM entraría nun precipicio que ninguén desexa”, advirte o alcalde, Juan González.

Por outra banda, tras catro meses negociando os orzamentos e incorporando achegas de tódolos grupos, o PP, co apoio de ND, aludiu onte á “falta de participación cidadá” para non votalo e deixalo sobre a mesa. Esta postura de última hora deixa no aire as súas propias achegas recollidas no documento (auditorías externas, plan de mobilidade, plan de control de verquidos…) e acordos de tódolos grupos como incrementar 55.000 € a aportación á Mancomunidade para mellorar o convenio do GES (Grupo Emergencia Supramunicipal) ou a partida para cubrir os gastos da posible aprobación de RPT (Relación de Postos de Traballo do Concello). O goberno local amosou a súa sorpresa porque, precisamente, tódolos investimentos responden a peticións das entidades veciñais e a propostas dos propios corporativos elixidos pola cidadanía.

“A un ano das eleccións, a oposición do PP e ND pon os intereses do partido por riba dos cidadáns. Non presentaremos de novo os orzamentos porque agora temos claro que en ningún caso os van a apoiar e seguiremos

gobernando como ata agora. Esta xustificación é unha simple excusa peregrina que en meses de negociación xamais demandaron, se de verdade cren no que din ¿Por qué agardaron ata agora para pedir maior participación cidadá?”, pregúntase o rexedor, Juan.