PP espera contar cun apoio unánime do Parlamento para instar a UE a revocar a prohibición do aleteo

Publicado por o día 26/11/2014 na sección de Partido Popular,Política

PP espera contar cun apoio unánime do Parlamento para instar a UE a revocar a prohibición do aleteo

– O voceiro do Mar, Jose Manuel Balseiro, defenderá na Comisión de Pesca e Marisqueo prevista para este venres as reivindicacións e intereses da flota palangreira galega.

– Esta práctica que consiste en cortar a aleta dos escualos a bordo dos buques e descartar o resto do corpo é habitual nas flotas asiáticas, que se opoñen a deixar de efectuala

O Grupo Popular espera contar co apoio unánime de todas as forzas políticas do Parlamento de Galicia para instar á Unión Europea a revocar a prohibición do finning ou aleteo, isto é, da práctica pesqueira que consiste en cortar a aleta dos tiburóns a bordo dos buques e descartar o resto do corpo que é devolto ao mar.

O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, promoveu unha iniciativa parlamentaria, que será obxecto de debate e votación na Comisión de Pesca e Marisqueo da Cámara galega prevista para este venres, coa que se busca o apoio firme de Galicia a unha das principais reivindicacións da flota palangreira galega.

MENOR COMPETITIVIDADE

Os populares veñen defendendo que é absurdo que a prohibición do finning se limite de xeito exclusivo para a flota da UE, mentres o resto das flotas do mundo (en especial a asiática, barcos de China e Xapón) continúan realizando esta práctica.

Balseiro aclara que manter a situación actual supón un claro aumento dos custos e unha desvantaxe competitiva para os pescadores galegos e europeos, posto que deben facer fronte a maiores gastos por non poder procesar os escualos a bordo, como fan os barcos asiáticos.

Desde o Grupo Popular apuntan que situación ideal sería poder xeneralizar esta prohibición en todo o mundo, xa que a día de hoxe a flota galega xa realiza un aproveitamento integral dos escualos, pero que neste obxectivo fracasou a Comisión Europea ata en seis ocasións, en todos os intentos de negociar con terceiros países.

PRENSA GRUPO POPULAR