O PP está eludindo transpoñer a Directiva 2014/52/UE, que podería botar atrás a Lei de Depredación da Galiza

A resposta a unha consulta realizada por Senra revela que a CE xa se atopa no paso previo a unha posible denuncia contra o Estado español no TXUE
Por o 27/01/2018 | Sección: AGE,Política
O PP está eludindo transpoñer a Directiva 2014/52/UE, que podería botar atrás a Lei de Depredación da Galiza

Fai xa máis de medio ano que a Comisión Europea (CE) está a agardar a que o Estado español lle especifique como ten pensado transpor a Directiva 2014/52/UE, relativa á avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente, que modifica a  Directiva 2011/92/UE.

Así llo comunicou o Comisario Karmenu Vella directamente á eurodeputada do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra, quen nunha pregunta parlamentaria rexistrada en outubro alertaba ao ente comunitario das alarma social creada pola aprobación con carácter de urxencia por parte do Partido Popular de Galicia da Lei de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais -máis coñecida como Lei de Depredación da Galiza-, e consultaba á CE sobre a posible incompatibilidade da mesma ca nomeada Directiva medioambiental comunitaria.

Na súa resposta, o Comisario de Medioambiente informou a Senra de que o Estado incumpriu o prazo para a transposición desta Directiva, que finalizaba o 16 de maio do 2017, polo que  o 19 de xullo procedeu a remitirlle ao Goberno central unha carta de emprazamento seguindo o Artigo 258 do Tratado de Funcionamiento da Unión Europea, o cal especifica a posibilidade de que a CE poida levar ao Estado español diante do Tribunal de Xustiza da UE (TXUE).

“A información da Comisión pon de manifesto os resultados da alianza do Partido Popular no Goberno do Estado e no Goberno da Xunta para esquilmar Galiza. Rajoy négase a adoptar a normativa europea de medioambiente antes do 16 de maio do ano pasado, e en outubro Feijoo aproba con carácter de urxencia Lei de Depredación”, fiou a eurodeputada galega.

De feito, a connivencia do PP cas agresións ao medioambiente en aras do lucro privado é tan manifesta que levou ao Estado español a ser o territorio que acumulou un maior número de procedementos por infracción medioambiental no ano 2017 dentro da UE. Ademais, o Partido Popular está a combinar a súa predisposición á destrucción dos ecosistemas e á capitalización da Natureza cun cada vez maior incumprimento das normas europeas.  Así o sinalan os propios datos da Comisión sistematizados até o 2016, data na que o Goberno español estaba a acumular xa 32 casos abertos de infracción por demoras nas transposicións.

A avaricia do PP, a súa intención de estar ao servizo dos intereses das empresas privadas pasa por riba da saúde das personas, do medoambiente ou dos dereitos humanos e sociais en xeral. E cando unha norma non lles vai ben, non a cumpren e punto”, criticou a eurodeputada galega. “É un verdadeiro escándalo que o PP estea darlle largas a aplicación dunha normativa europea que tenta mitigar os impactos negativos na Natureza, unha das cuestións que máis directamente afectan á saúde e calidade de vida da cidadanía”. 

Ademais, a Comisión Europea, se ben eludiu pronunciarse polo momento no caso concreto da Lei de Depredación da Galiza, si fixo fincapé na súa resposta en que a transposición, aplicación e execución correctas da lexislación da UE é fundamentalmente responsabilidade dos Estados membro, “incluidos os Gobernos rexionais”, polo que o Goberno galego estaría incumprindo as súas responsabilidades ao aprobar unha Lei contraria á comunitaria de obrigada transposición. 

“É urxente alertar á cidadanía de que o texto aprobado polo Partido Popular na Galiza incumpre cuestións da Directiva 2014/52/UE que son esenciais para defender os nosos dereitos”, denunciou Lídia Senra. Limita o dereito á consulta pública reducindo nalgúns casos os prazos de exposición a 20 ou mesmo 15 días en lugar de máis de 30 como especifica a norma europea e, en xeral, establece condicións máis febles para as avaliacións de impacto ambiental, contradicindo totalmente o recollido na Directiva medioambiental europea”. 

Avanzando na denuncia desta grave situación diante das institucións da UE, a eurodeputada galega dirixiuse hoxe mesmo á Dirección Xeral de Medioambiente (CE) e ao Servizo Xurídico da Comisión Europea para solicitar información máis exacta en relación ao requirimento de transposición enviado ao Goberno español, así como para consultar a posibilidade de obter o antes posíbel unha valoración específica por parte da UE en relación ás incompatibilidades existentes entre a Lei de Depredación aprobada pola Xunta de Galicia e a nomeada Directiva europea relativa á avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente.