O PP impide modificar o regulamento do Parlamento que permitiría revisar o cumprimento dos acordos aprobados

A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, salientou que “o pobo ten dereito a que o que se aprobe no seu Parlamento sexa cumprido polo Goberno, ou polo menos, que teñan que dar conta dos motivos do non cumprimento“.
Publicado por o día 23/05/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

O PP impide modificar o regulamento do Parlamento que permitiría revisar o cumprimento dos acordos aprobados

En Marea presentou no pleno do Parlamento unha Proposición de Lei para a modificación do regulamento da Cámara para garantir un control ao Goberno real, algo que neste momento non se está a dar permitindo con total impunidade que a Xunta de Galicia incumpra a normativa e o propio Estatuto de Autonomía. A vicepresidenta da Cámara e deputada de En Marea, Eva Solla, denunciou na súa intervención a habitual falla de resposta por parte do Goberno galego as preguntas presentadas polos deputados e deputadas e “no mellor dos casos dan resposta fora de prazo incumprindo a normativa do Parlamento“.

Na función de impulso tal e como destacou Eva Solla, “non existe garante algunha dos textos aprobados nin tan sequera textos de lei o que provoca que leis aprobadas neste Parlamento non se están a cumprir: lei servizos sociais, lei de garantías de prestacións sanitarias, lei de dereitos das persoas LGTBI, lei de dereitos das persoas enfermas terminais…“ todas elas aprobadas por unanimidade pero que nunca chegaron a ser desenvoltas polo Goberno da Xunta de Galicia.

No caso das Proposicións, non existe obrigatoriedade legal do seu cumprimento, mais En Marea considera necesario mudar esta cuestión xa que senón non ten sentido a súa aprobación. “Que sentido ten o impulso parlamentario sen ningún control?“ preguntou Eva Solla que destacou que outros Parlamento están a incluír nos novos regulamentos fórmulas de avaliación ex post da actuación do Goberno en cumprimento das decisións parlamentarias. As cortes de Aragón, ou a cámara do Principado de Asturies son algúns dos exemplos citados pola vicepresidenta do Parlamento.

Así mesmo, recordou que o artigo 148 da Constitución ampara que é competencia da Comunidade Autónoma a organización das súas institucións de autogoberno. O artigo 10 do Estatuto de Autonomía fixa como unha das funcións do Parlamento tanto a potestade lexislativa coma o control da acción executiva da Xunta de Galicia. A disposición derradeira segunda do regulamento da Cámara galega establece o procedemento de reforma do propio regulamento. En base a estes principios de dereito administrativo e constitucional, En Marea presentou a proposta de reforma do regulamento “que non é unha proposta exprés coma a de 2015, que recortaba a participación“.

En Marea considera que o actual Regulamento non facilita o control dos mandatos non lexislativos que supoñen unha manifestación da vontade unánime ou maioritaria na Cámara. A continua negativa da Mesa do Parlamento a aceptar as peticións da vicepresidenta e deputada de En Marea para solicitar información sobre o cumprimento ou non da Xunta de Galicia dos mandatos aprobados no Parlamento, sitúa as deputadas e deputados “nun punto de indefensión“.

Por todo isto, En Marea considera necesario articular mecanismos que permitan exercer ese control das iniciativas non lexislativas aprobadas dotando ditos mecanismos de cobertura legal amparada no Regulamento, cubrindo o baleiro actual do mesmo. “A impunidade do Goberno é total e fai que quede invalidade a separación de poderes. O pobo ten dereito a que o que se aprobe no seu Parlamento sexa cumprido polo Goberno, ou polo menos, que teñan que dar conta dos motivos do non cumprimento“ concluíu Eva Solla.

Vencer o cerco do PP e PSOE para coñecer a verdade sobre Angrois

O viceportavoz parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, en rolda de prensa referiuse á iniciativa que o seu grupo presentará ante o pleno para que o Parlamento de Galicia inste ao Goberno do Estado a crear unha comisión de investigación sobre o accidente ferroviario de Angrois. Unha iniciativa que confiou poda ser aprobada por unanimidade na Cámara galega xa que “seria un paso moi positivo para vencer o cerco e a resistencia do PP e PSOE para coñecer a verdade“. Sánchez instou ao grupo parlamentario do PP no Parlamento de Galicia a seguir os pasos do PP en Castela León, “con moito máis razón en Galicia, para avanzar no coñecemento da realidade”

O viceportavoz parlamentario lembrou que o seu grupo defendeu e segue a defender a necesidade de crear unha comisión no Parlamento galego pero “ante a coalición do silencio do PP e PSOE, e tendo en conta que é moi importante que se investigue e aclare o sucedido diante dun Goberno e aparato do Estado que o único que fai e obstruír o coñecemento da verdade“, En Marea presenta unha iniciativa para a creación dunha comisión no Congreso dos Deputados aínda que non renuncian a que se cree tamén no Parlamento de Galicia.