PPdeG lamenta que a oposición rexeitara que o Consello de Contas faga un seguimento do financiamento da construcción do novo hospital de Vigo

Publicado por o día 18/09/2015 na sección de Partido Popular,Política

PPdeG lamenta que a oposición rexeitara que o Consello de Contas faga un seguimento do financiamento da construcción do novo hospital de Vigo

A deputada Herminia Pouso sinalou que a iniciativa do Grupo Popular permitiría coñecer o custo financeiro real da construción e dos gastos financeiros do Álvaro Cunqueiro.

“Tanto PSOE, como AGE, BNG e Grupo Mixto demostraron, unha vez máis, que están máis pola mobilización social e utilización política desta obra que por coñecer exactamente o seu custo”, dixo Herminia Pouso.

 O Grupo Popular lamenta que os grupos da oposición rexeitaran hoxe a proposta para que o Consello de Contas inclúa a construción do novo Hospital Público Álvaro Cunqueiro no seguimento que realiza regularmente sobre o financiamento de obra pública polos mecanismos de financiamento público-privado.

A portavoz popular para asuntos relacionados co Consello de Contas, Herminia Pouso, afirmou que esta proposta permitiría coñecer e facer público a través desta entidade fiscalizadora o custo financeiro real da construción e dos gastos de funcionamento do novo hospital público, así como o impacto na economía local e autonómica do investimento realizado.

COMPLEMENTO AS PROPOSTAS DA OPOSICIÓN

A emenda do Grupo Popular presentouse como complemento a propostas de resolución rexistradas polos grupos da oposición, co obxectivo de que o Consello de Contas incorporara a fiscalización das obras do Hospital Álvaro Cunqueiro no seguimento que realiza as actuacións con financiamento público-privado da Administración galega.

“Porén, tanto PSOE, como AGE, BNG e o Grupo Mixto rexeitaron a inclusión desta emenda demostrando, unha vez máis, que están máis pola mobilización social e utilización política desta obra que por coñecer exactamente o seu custo e a mellora das prestacións sanitarias que suporá para todos os veciños da área sanitaria de Vigo”, manifestou Herminia Pouso.

En concreto, o texto da emenda defendida polo Grupo Popular é o seguinte: “Instar ao Consello de Contas a que, no seguimento que realiza regularmente sobe o financiamento de obra pública polos mecanismo de Financiamento publico privado, inclúa a construción do novo Hospital Público Alvaro Cunqueiro para coñecer o custo financeiro real da súa construción e dos gastos de funcionamento, así como o impacto na economía local e autonómica do investimento realizado”.

PRENSA GRUPO POPULAR GALICIA