O PP rectifica en relación ás reválidas

O Goberno central fixo público un borrador de real decreto lei co que dá marcha atrás ao seu proxecto inicial de reválidas na ESO e no bacharelato.
Publicado por o día 21/11/2016 na sección de Sindicatos,Vigo

O PP rectifica en relación ás reválidas

As organizacións CONFAPA-GALICIA, Federación de Ensino de CCOO de Galicia, FeSP-UGT, IESGA e Escola Viva, integradas na Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia, así como o STEG, queremos compartir co conxunto da comunidade educativa e da cidadanía a nosa valoración sobre este proxecto e o novo escenario que abre.

O abraiante éxito das mobilizacións do 26 de outubro promovidas pola Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia e pola Plataforma Estatal son a causa principal que obriga o Goberno a recuar con respecto ás reválidas. Isto, xunto coa aprobación o día 15 de novembro no Congreso dos Deputados dunha proposta para iniciar a tramitación da proposición de lei sobre a suspensión do calendario de implantación da lomce forza o Goberno a ofrecer os cambios demandados por toda a comunidade educativa.

Con esta proposta, de forma transitoria,

— a avaliación final de ESO tería unicamente carácter de mostraxe,

— a avaliación final de bacharelato non tería efectos académicos (non sería requisito para titular) e versaría unicamente sobre materias troncais cursadas no segundo curso.

As organizacións que emitimos este comunicado celebramos, pois, o inicio da reversión da política educativa do Goberno do Partido Popular. Pero considerámolo insuficiente e esiximos a volta á proba de acceso á Universidade (PAU) que garanta a igualdade de oportunidades no acceso á calquera universidade mantendo o distrito único. Coidamos que desta forma pode iniciarse a recuperación da PAU. Temos o convencemento de que os reitores das universidades galegas comparten connosco este obxectivo e de que participarán activamente para conseguilo.

Por outra banda, o vindeiro día 24 constitúese unha subcomisión no Congreso dos Deputados para iniciar os traballos preliminares que culminen na redacción dunha nova lei consensuada e que dea estabilidade ao sistema educativo. As organizacións que asinamos este documento seremos partícipes deste debate no proceso de comparecencias na dita comisión. Esiximos que calquera pacto político reflicta a opinión de toda a comunidade educativa.

Neste novo contexto obrigado polas nosas mobilizacións, esixímoslle ao conselleiro que defenda as propostas da comunidade educativa na vindeira conferencia sectorial do 28 de novembro. Da mesma forma, pedímoslles aos partidos da oposición que introduzan modificacións no debate parlamentario para acadar a eliminación das reválidas e a restitución da PAU.

Os futuros orzamentos xerais no Estado e en Galicia deben incluír a reversión dos recortes en educación.

Estaremos atentos ao desenvolvemento destas propostas no novo escenario. Pero advertimos que non dubidaremos en promover máis accións reivindicativas no futuro se non se avanza na eliminación das reválidas e na reversión dos recortes. Calquera iniciativa mobilizadora debería ser acordada de forma coordinada por todos os membros da comunidade educativa se queremos ter éxito no fin que perseguimos, que non é outro que a derrogación da LOMCE así como acadar unha nova lei educativa baseada nos principios de equidade e xustiza social.