O PP de Redondela abandona á súa sorte a un veciño con discapacidade no camiño A Costa en Chapela

AER trasladou ao pleno de Redondela un rogo sobre o problema de accesibilidade á súa vivenda dun veciño con discapacidade e da súa familia

No pasado mes de novembro, AER trasladou ao pleno de Redondela un rogo sobre o problema de accesibilidade á súa vivenda dun veciño con discapacidade e da súa familia, residentes no camiño A Costa de Chapela. A intención destes veciños era chamar a atención do goberno local e dos grupos con representación na Deputación de Pontevedra acerca dun problema que veñen padecendo durante anos. Un problema do que xa deron traslado ao alcalde de Redondela mediante rexistros e reunións co equipo de goberno, en diversas ocasións ao longo dos últimos anos.

Así pois, a familia Sueiro Escariz, realizaba o seguinte rogo: ROGAMOS ao goberno local de Redondela que realice as xestións necesarias, con propietarios e administracións, para o ensanche do camiño A Costa. Así como rogamos aos deputados provinciais e grupos con representación na Deputación de Pontevedra presentes neste pleno, trasladen a este organismo esta petición de total necesidade.

A resposta ao rogo por parte da voceira do PP, que debería ser, ao entender de AER, un compromiso de acadar unha solución, converteuse nun esperpento e unha falta de sensibilidade cara unha persoa con discapacidade e cara toda a súa familia ante esta indesexable situación. O goberno local cualificou esta demanda de “panfleto” e “utopía”, nunha actitude acalorada e sen formas. Cualificar de utopía a construción dun pequeno tramo de estrada para mellorar a calidade de vida dunha persoa, cando no municipio se está a realizar a primeira ampliación no mundo dunha ponte atirantada, parece un insulto a toda a veciñanza representada no pleno do Concello. AER o único que ve neste caso é unha total falta de vontade política, quedando claro que o Partido Popular de Redondela non ten intención algunha de involucrarse para axudar a solucionar un problema de mobilidade que non lle vai a repercutir un mínimo rédito electoral.

Ante esta situación e observando que non se producen avances na situación anteriormente descrita, AER esixe que a voceira do PP recapacite sobre esta intervención no pleno, sobre a súa forma de dirixirse á veciñanza coas súas intervencións neste foro e pida desculpas públicas a esta familia. Do mesmo xeito, que dea un paso adiante xunto dos demais membros do goberno local de Redondela e encabece a busca dunha solución a este problema, merecedor dos maiores principios de solidariedade.

Nado en Vigo hai 36 anos. Fotógrafo, activista defensor dos dereitos humanos e ambientais. Buscando que se recoñeza e respecte os patrimonios da cidade de Vigo.

SIGUENOS EN TELEGRAM