O PP veta a comisión de investigación sobre os contratos de Villar Mir coa Xunta

“Mentres eu estaba estudando as oposicións o seu xefe estaba paseando en barco cun narcotraficante chamado Marcial Dorado”, respondeulle Luís Villares a Paula Prado, que acusou a En Marea de querer “axustizar” por defender a investigación.
Publicado por o día 06/06/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

O PP veta a comisión de investigación sobre os contratos de Villar Mir coa Xunta

“Unha dúbida percorre o noso país, unha dúbida razoable, unha dúbida que se sustenta na certeza da existenza de dúbidas de máis sobre como se financiaba o actual partido do Goberno”. Así comezou o voceiro de En Marea Luís Villares a súa intervención no pleno do Parlamento de Galicia no que defendeu a necesidade de constituír unha comisión de investigación que aclarase os contratos da Xunta coas diferentes sociedades de Villar Mir. 

Ademais de ser investigado no marco da Operación Lezo por unha presunta trama de corrupción e financiamento ilegal do PP, En Marea esixe que o Parlamento de Galicia investigue as numerosas concesións públicas das que se beneficiou Villar Mir nos últimos anos. “Por unha vez actúen vostedes en beneficio deste país”, instou Villares ao grupo popular. “Dean vostedes a oportunidade a esa empresa de se defender, e, sobre todo, dean a oportunidade a este pobo de saber, á súa xente de coñecer o que se fai cos seus cartos, á cidadanía que vota a oportunidade de saber como se financia cada quen e se alguén vai dopado ás eleccións”.

A solicitude, que parte da intención de Villar Mir de segregar e vender as centrais de Ferroatlántica para a que precisa o visto bo do “goberno amigo do PP”, foi rexistrada por En Marea e o BNG. “Precisa liquidez para o seu imperio e quere vender as centrais dos ríos Xallas e Grande, pero existe unha concesión administrativa que lle impide facelo sen segregalas das empresas de ferroaleaxe, unha vinculación administrativa para garantir o futuro industrial da comarca”, sinalou o voceiro de En Marea, que tamén se referiu á inscrición da segregación no Rexistro Mercantil, “algo do que o presidente Feijóo se enterou neste hemiciclo polo voceiro de En Marea”.

“Non investigar, non é respectar a presunción de inocencia, é dar patente de corso para que os poderosos poidan facer o que queiran mentres condenamos aos roubagaliñas, enon é frase miña, é do Presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial nomeado por vostedes”, sinalou Luís Villares, que tamén lembrou todas as subvencións recibidas por Villar Mir a través da mina de Serrabal. “O AVE non chegou, os cartos para o señor Villar Mir, si”.

Obviando o regulamento da Cámara, que indica que as comisións de investigación parlamentarias teñen como finalidade aclarar cuestións “sobre calquera asunto de interese público” para Galicia, pero a deputada do PP Paula Prado, argumentou a negativa do seu grupo baseandose en que “este tipo de investigacións realízanse nos xulgados e acusou a En Marea de querer axusticiar e non de  facer xustiza.”

“Os que cambian fiscais e poñen e quitan xuíces son os que nos acusan a nós de non crer na xustiza e os únicos que teñen un partido imputado por corrupción e financiamento ilegal son vostedes”, puntualizou Luís Villares, que tamén lle contestou a Prado, tras cuestionar esta o lugar onde estudara as oposicións: “Mentres eu estaba estudando as oposicións o seu xefe estaba paseando en barco cun narcotraficante chamado Marcial Dorado”.