O PP veta a protección da arte rupestre galega bloqueando a súa catalogación e declaración como Patrimonio da Humanidade

Tamén votou en contra da posta en marcha da Lei do Libro, aprobada hai dez anos e que continúa sen desenvolver.
Publicado por o día 10/05/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

O PP veta a protección da arte rupestre galega bloqueando a súa catalogación e declaración como Patrimonio da Humanidade

“A arte rupestre galega forma un dos conxuntos de petróglifos prehistóricos ao aire libre máis importantes de Europa”. A deputada Luca Chao levou hoxe ao Parlamento de Galicia a voz dunha demanda popular que a través da Asociación SOS Arte Rupestre leva anos alertando do estado de abandono dun dos principais valores do noso patrimonio arqueolóxico.

“Cando vostedes chegaron ao goberno a partida de conservación, protección en consolidación de xacementos arqueolóxicos era de 1,153.506 euros e nos últimos orzamentos aprobaron unha partida de 100.000 euros para conservar todos os xacementos arqueolóxicos do país”, denunciou a deputada de En Marea. Na mesma liña camiña a partida de promoción, catalogación e inventario do patrimonio cultural que tiña 1 millón de euros en 2009 e hoxe ten algo menos da metade. As transferencias a corporacións locais para a protección do patrimonio paasou de 650.000 euros a 90.000 nese mesmo periodo. “Iso mentres na Cidade da Cultura se gastan 11.000 euros diarios en luz, limpeza e seguridade e se enterran un de cada tres euros dos que este goberno dedica ás actividades culturais”.

Entre as numerosas listas vermellas de elementos do patrimonio que están en grave risco de degradación, deterioro ou desaparición (ningunha da Xunta de Galicia), a elaborada por Patrimonio Galego leva catalogados 9.000 bens que inclúen case 100 tesouros do noso pasado “en perigo inminente”.

“A cultura non é só un dereito fundamental, senón que falamos dun sector que achega valor engadido, xera emprego e recursos sustentables”, reivindicou Luca Chao “polo tanto é icomprensible o desprezo que este goberno ten cara a nosa cultura, cómpre cambiar a óptica e comezar a entender que os recursos destinados á cultura non supoñen un gasto, senón un investimento de futuro”.

Lei do libro galego: unha norma esquecida

No ámbito editorial, o PP tamén votou en contra da proposta de En Marea de impulsar a Lei do Libro de Galicia, un marco normativo esquecido e sen desenvolver malia ser aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia hai dez anos.

A deputada Ánxeles Cuña defendeu a posta en valor do libro como sector estratéxico, coa petición expresa de que se poña a funcionar o Consello do LIbro, un órgano consultivo que nunca se convocou. “Pasaron dez anos e a norma nunca se aplicou, mentres cada día perdemos lectores e falantes”, denunciou Cuña. “O número de editoriais en Galicia vén experimentando un descenso continuado dende o 2010, cando había 166 empresas rexistradas, mentres hoxe a Asociación Galega de Editoras, con 34 empresas asociadas, representa a práctica totalidade da industria editorial de Galicia”.