PPdeG avoga porque a concesionaria do novo hospital valore os traballadores de mantemento do Meixoeiro

Publicado por o día 11/12/2014 na sección de Galicia,Partido Popular,Política

PPdeG avoga porque a concesionaria do novo hospital valore os traballadores de mantemento do Meixoeiro

– O deputado Aurelio Núñez Centeno subliñou que o Sergas “non pode intervir de xeito directo neste conflito por non ter facultade para negociar cos traballadores, que dependen dunha empresa externa”

– Núñez Centeno comprende a situación dos traballadores de mantemento do Hospital Meixoeiro, tanto desde o punto de vista profesional como humano

O deputado do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, avogou hoxe porque a empresa concesionaria do novo Hospital Público Álvaro Cunqueiro de Vigo “valore a experiencia e a capacidade do persoal de mantemento existente no Hospital de Meixoeiro e poida incorporalo no seu cadro de persoal de mantemento do novo centro hospitalario vigués”.

Aurelio Núñez lembrou que no día de onte chegouse a un principio de acordo para suspender a folga indefinida que se estaba a levar a cabo por parte dos traballadores do Meixoeiro, despois dunha reunión das centrais sindicais coa empresa na que se acordou o compromiso de negociar a continuidade destes traballadores.

MESMA EMPRESA

“O mantemento do Meixoeiro foi adxudicado a unha UTE na que participa a empresa Altair, que tamén está incluída na UTE que ten a concesión do novo hospital público de Vigo, polo que consideramos que esta situación pode facilitar a recolocación dos empregados do mantemento do Hospital do Meixoeiro”, indicou.

Núñez Centeno manifestou que no Grupo Popular “comprendemos a situación dos traballadores de mantemento do Hospital Meixoeiro, tanto desde o punto de vista profesional como humano, pero tamén nos preocupa a situación que se está a xerar no propio hospital, con problemas para a atención de doentes ingresados, por un conflito no que o Servizo Galego de Saúde non pode intervir de xeito directo por non ter a facultade para negociar cos traballadores, que dependen dunha empresa externa e non da propia Consellería”.

PRENSA PP DE GALICIA