O PPdeG critica que a oposición chegue tarde pedindo axudas para os viticultores afectados polas xeadas logo do traballo feito pola Xunta desde o mes de Abril

O deputado do Grupo Popular Moisés Blanco criticou hoxe no Parlamento que “a oposición chegue tarde cunha proposición non de lei pedindo axudas para os viticultores afectados polas xeadas do pasado ano porque a Xunta e o Partido Popular veñen traballando desde o pasado mes de abril con medidas de apoio como rebaixas no IRPF, bonificacións á Seguridade Social, préstamos a custe cero ou impulso á contratación de seguros”.
Publicado por o día 21/02/2018 na sección de Partido Popular,Política

O PPdeG critica que a oposición chegue tarde pedindo axudas para os viticultores afectados polas xeadas logo do traballo feito pola Xunta desde o mes de Abril

Moisés Blanco iniciou a súa intervención no Pleno lembrando que “debatemos hoxe unha proposición non de lei tramitada ao amparo da Lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá no Parlamento, promovida en 2015 polo Grupo Popular e que a oposición votou en contra”. “Valoramos que agora empreguen este método”, subliñou.

INCREMENTO DAS EXPORTACIÓNS

Na súa intervención, recordou que Galicia conta con cinco denominacións de orixe (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras), que implican a 11.000 viticultores, 460 adegas e unha produción de máis de 61 millóns de quilogramos en 2017, a terceira colleita máis abondosa por detrás de 2011 e 2015.

“A pesar das dificultades dos últimos tempos, estamos a falar do sector agroindustrial máis exportador, que na campaña 2015/2016 incrementou as súas exportacións un 69 por cento respecto á campaña 2010/2011”, anotou.

POSTA EN MARCHA DE MEDIDAS

O deputado popular lembrou que, tralas xeadas do pasado mes de abril, “mentres algúns optaron pola pancarta e o alarmismo, esaxerando irresponsablemente danos e cifras de posibles perdas nas colleitas que logo se demostraron falsas, o Grupo Popular e a Consellería do Medio Rural traballamos para poñer en marcha medidas que beneficiaran aos viticultores afectados”.
Neste sentido, referiuse á proposición non de lei do Grupo Popular presentada e aprobada no Parlamento con medidas de apoio aos viticultores e o traballo feito pola Consellería do Medio Rural, “visitando as zonas afectadas e estando ao lado dos viticultores e adegueiros, con envío de técnicos para facer unha valoración dos danos para, a partir deses datos, deseñar as distintas liñas de axuda”.

1,4 MILLÓNS DE EUROS PARA REESTRUTURACIÓN

Así mesmo, Moisés Blanco lembrou que se celebrou unha xornada de formación para traballos de repoda e convocouse a Comisión Territorial de Seguros Agrarios para adaptar as liñas de seguros á realidade de cada denominación de orixe. “Tamén se publicou a orde de axudas á reconversión e reestruturación de viñedos dotadas con 1,4 millóns de euros, e se conseguiron axudas de liquidez e moratoria ás explotacións afectadas”, apuntou.

“En definitiva, a Xunta está a desenvolver un traballo rigoroso, actuando no marco da legalidade e, sobre todo, sen falsas promesas e dicíndolle a verdade aos afectados”, remarcou Moisés Blanco.
Para rematar, o deputado popular demandou á oposición “un pouco máis de respecto e tendémoslle a man para traballar todos xuntos, coa máxima colaboración e lealdade entre os axentes do sector e a administración para conseguir que teñamos unha excelente colleita na campaña de 2018”.