PPdeG demanda coordinación entre Concello de Redondela, DEPO e Fomento para melloras na estrada N-550

Martín Fernández solicitou que a corporación de Redondela apoie a proposta do PP que inclúe a mellora desta estrada entre as actuacións a realizar a través da Edusi.
Publicado por o día 14/06/2017 na sección de Partido Popular,Política,Vigo

PPdeG demanda coordinación entre Concello de Redondela, DEPO e Fomento para melloras na estrada N-550

O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, demandou hoxe “coordinación entre o Concello de Redondela, a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento para a execución da mellora da seguridade viaria e a mobilidade peonil na estrada N-550 ao seu paso pola parroquia de Cesantes en Redondela, así como para a ampliación da zona de estacionamento e entrada ao colexio”. “Trátase dunha estrada nacional e o acceso a este centro de ensino é de titularidade da Deputación Provincial, polo que a Xunta carece de competencias nestas dúas obras”, sinalou.

Martín Fernández lembrou que o Partido Popular de Redondela “xa ten incluído a mellora da seguridade viaria na N-550 ao seu paso por Cesantes entre as actuacións a realizar na Estratexia Integrada de desenvolvemento urbano sostible (Edusi), xa aprobada polo Ministerio de Fomento e con fondos dispoñibles para levala a cabo”. Deste xeito, demandou “que os demais grupos da corporación municipal apoien esta estratexia integrada e posibiliten a tramitación destes proxectos”.

O deputado popular indicou que “no PPdeG estamos a favor de realizar melloras na N-550, pero a competencia nesta estrada é do Ministerio de Fomento, que xa está redactando o estudo informativo para o ramal de conexión entre esta estrada e a A-59 ao norte de Redondela, que permitirá mellorar a funcionalidade e seguridade viaria nesta zona”.

Así mesmo, apuntou que “a Xunta carece de competencias para a adquisición de solares para poñer en marcha aparcamentos en centros educativos”. No caso do centro de ensino de Redondela, explicou que “a competencia é da Deputación ao atoparse nunha vía de titularidade provincial, polo que pode adoptarse unha solución global entre as administracións con competencias locais, na que a Deputación de Pontevedra ten moito que dicir como titular dese ramal de acceso”.